Noticias

A Deputación abre o prazo para participar na webinar "Vendas e covid: a arte de seducir en contornas complexas"

Enmarcada no ciclo dirixido a pemes e persoas autónomas a raíz da covid19, a videoconferencia celebrarase o día 17 e correrá a cargo do psicólogo Ignacio Abeal


07 setembro 2020

"Vendas e covid: a arte de seducir en contornas complexas" é o título da charla en formato webinar que, organizada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o vindeiro xoves 17  de setembro entre as 10 e as 11 horas e para a que xa se pode formalizar a inscrición. O evento, que se desenvolverá a través da ferramenta Zoom, terá como poñente ao psicólogo industrial Ignacio Abeal para afondar na importancia da diferenciación. Con esta nova videoconferencia, enmarcada na campaña informativa de seminarios online dirixidos a persoas autónomas e pemes que a Deputación estableceu a raíz da covid-19, preténdese impulsar a reactivación do emprendemento entre a poboación e propiciar o crecemento económico sostible mediante a formación.

Ignacio Abeal é licenciado en Psicoloxía Industrial pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén diplomado en Relacións Laborais. Conta cunha ampla experiencia profesional como consultor, responsable de RRHH e colaborador da Universidade da Coruña, Santiago, Vigo, UCC, EOI e o IFFE Business School. A súa especialización xira arredor das estratexias de formación e aprendizaxe, coaching, motivación, así como da dirección e xestión de Recursos Humanos e da dirección comercial e o marketing e, na actualidade, é socio director de Nascor Consultores. Abeal detallará nesta webinar de "Vendas e covid: a arte de seducir en contornas complexas" a necesidade de diferenciarse fronte á competencia baseándose nunha mellor xestión dun/dunha mesmo/a. Para elo Abeal fará fincapé na importancia da preparación persoal, da empatía e da argumentación comercial.

As persoas que queiran asistir, de  forma gratuíta, a esta videoconferencia poderán facelo ao través da súa correspondente inscrición no seguinte enlace: https://forms.gle/8Jv3S6W7gzkRCt2z7