Noticias

A Deputación abre o prazo de inscrición para todos os webinarios do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

Trala gran acollida da primeira sesión, as persoas interesadas xa poden inscribirse na web da Deputación para os seis webinarios que terán lugar a partir de outubro


19 setembro 2020

Tralo gran arranque do I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos co webinario sobre o cancro a cargo de Xosé Ramón García Bustelo, a Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición na web (www.depo.gal) para as seguintes seis conferencias que terán lugar entre outubro e decembro. Este ciclo, que a Deputación organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da COVID-19, realízase de maneira en liña en formato webinario.

As conferencias, que serán ás 19 horas, están abertas a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, impartidas por nove destacadas persoas científicas. Deste xeito, o vindeiro 1 de outubro terá lugar a seguinte sesión que estará formada por dous webinarios enmarcadas en sanidade: "Como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas", a cargo da catedrática en Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, María José Alonso Fernández, e "Inmunidade fronte a COVID-19" que impartirá a presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González Fernández. En canto ao webinario "Cambio estacional de hora e fuso horario en España", chegará o 22 de outubro con Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo.

Xa en novembro, o día 5 será a quenda dunha conferencia formada por dúas charlas baixo a temática da intelixencia artificial: Senén Barro, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, impartirá "Os paradoxos da intelixencia artificial"; e Ulises Cortés, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, encargarase de "Humanismo, ética e intelixencia artificial". Máis adiante, o 19 de novembro terá lugar o webinario "A tecnoloxía das cadeas de bloques: máis alá do bitcoin e contra o coronavirus", a cargo de Martín López Nores, membro do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada, Luis Caramés, será o encargado de impartir a conferencia "Incerteza e ciclo económico" que terá lugar o 26 de novembro. Por último, o 3 de decembro será a quenda dunha sesión formada por dúas charlas que versarán sobre pesca, acuicultura e biotecnoloxía: a catedrática de Bioloxía, Concepción Ferreiro, impartirá "Microalgas: microfactorías verdes" e a coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC, Isabel Medina, falará sobre "O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura". Este ciclo de conferencias busca achegar a ciencia ao conxunto da sociedade ao mesmo tempo que lle dá visibilidade ás mulleres deste eido como Aida Fernández Ríos.