Noticias

A Deputación abre o prazo de inscrición para participar nos campamentos polideportivos

Novamente o centro Príncipe Felipe acollerá seis quendas, entre xullo e agosto, nas que participarán un total de 300 nenos e nenas nadas entre os anos 2005 e 2012


26 marzo 2019
Campamentos polideportivos

Este martes 26 de marzo a Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrición dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe. Este programa ofrece a posibilidade de que 300 nenas e nenos gocen do seu tempo libre no verán, participando en actividades de carácter lúdico e deportivo que contribúan ao seu enriquecemento persoal. O campamento incorpora saídas ao medio natural, tiro con arco, actividades acuáticas e obradoiros.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 15 de abril. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da institución provincial (https://sede.depo.gal).

Os campamentos polideportivos están destinados a persoas nacidas entre os anos 2005 e 2012, ambos os dous incluídos, que teñan o seu domicilio habitual na provincia de Pontevedra. O número de prazas ofertadas é de 50 por quenda, é dicir, un total de 300 prazas. O prezo é de 125 euros por nena ou neno, habendo un desconto do 20% para familias numerosas con tres fillos ou fillas e dun 30% para familias numerosas con máis de 3 fillos ou fillas.

As prazas adxudicaranse mediante un sorteo. A súa data e o resultado publicaranse na web e notificaránselles ás e aos participantes seleccionados por mensaxe de móbil ou correo electrónico.

A primeira das quendas comezará o 8 de xullo e alongarase ata o 13 de xullo. A segunda arrancará o 15 e rematará o 20 de xullo; a terceira terá lugar do 22 ao 27 de xullo; a cuarta, do 5 de agosto ao 10 do mesmo mes; a quinta, do 12 ao 17 de agosto, e a sexta do 19 ao 24 de agosto.