Noticias

A Deputación abre o prazo de inscrición para a "Depo Andaina" polo tramo do camiño en Tui

300 persoas da provincia poderán participar nesta actividade gratuíta que organiza a institución provincial o domingo 24 de setembro


11 setembro 2017
Depo Andaina

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir hoxe luns 11 de setembro, e ata o vindeiro mércores 20 de setembro, o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en asistir gratuitamente á vindeira ruta das "Depo Andainas". Esta cuarta actividade do programa da Deputación de Pontevedra servirá para percorrer un tramo do Camiño de Santiago, concretamente o que transcorre entre os concellos de Tui e O Porriño. Nela poderán participar un total de 300 persoas que deben inscribirse ata o vindeiro 20 de setembro a través do formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal, e entregalo nos rexistros da Deputación, en Pontevedra e Vigo, ou nas oficinas do ORAL da provincia.

Nesta actividade, un monitor caracterizado como o Apóstolo Santiago dinamizará a ruta facendo sentir ás persoas participantes a auténtica lenda do Camiño. O punto de partida será a Ponte Internacional sobre o río Miño, en Tui, onde se iniciará a viaxe polo Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela.

Durante o percorrido, terán a oportunidade de ver o Parador de Turismo de San Telmo ou un dos fitos do camiño, a pedra que marca a distancia de 115,14 quilómetros para chegar a Santiago de Compostela. As persoas participantes percorrerán o casco histórico de Tui, cheo de edificios emblemáticos como igrexas (a catedral de Santa María, o convento das Clarisas…), museos (como o diocesano, antigamente un hospital para persoas pobres e peregrinas), capelas ou o cárcere vello. Tras o circuíto urbano, a andaina trasladarase á parroquia de san Bartolomé de Bordáns, cun impresionante cruceiro e un templo, e continuará cara ao punto de Ponte das Febres, sobre o arroio de San Simón.

Ademais, durante este percorrido circular de 10 quilómetros, cunha duración aproximada de entre 3 e 4 horas, desenvolveranse distintas actividades lúdico-deportivas como un breve obradoiro de identificación de rastros animais e outro de orientación natural. No último quilómetro do percorrido, as persoas participantes deberán empregar signos naturais, o Sol, ou métodos como o do reloxo para orientarse e atopar balizas con rastros animais.

Esta é a cuarta das cinco rutas que ten programadas a Deputación de Pontevedra este ano ao abeiro de "Depo Andainas". Pechará a quenda de actividades unha última andaina, o vindeiro 15 de outubro, polo castelo de Soutomaior. Na última das realizadas, a "Depo Andaina" por Vilaboa e as Illas Cíes, a institución provincial esgotou as 300 prazas ofertadas en menos de 24 horas, recibindo en total máis de 1.000 solicitudes de participación.

O programa "Depo Andainas", que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

Fotos