Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para a webinar de Gloria Gubianas Como Cambiar o Mundo a través da Empresa

O evento terá lugar o 2 de xullo e nel actuará como poñente a cofundadora de Hemper e Premio Muller Emprendedora do Ano 2019 en España


24 xuño 2020
Webinar Gloria Gubianas

A Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrición ao través da páxina web de SmartPeme para poder participar na charla en formato webinar Como Cambiar o Mundo a través da Empresa, que terá lugar o xoves 2 de xullo a partir das 10 horas. O evento, que se desenvolverá a través da ferramenta Zoom, terá como poñente a Gloria Gubianas, cofundadora da marca Hemper e galardoada como Muller Emprendedora do Ano 2019 en España.

O acto está enmarcado na campaña informativa de seminarios en liña, que a Deputación estableceu a raíz da COVID-19, destinados a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas na procura da reactivación do emprendemento entre a poboación e propiciar o crecemento económico sostible mediante a formación.

A poñente Gloria Gubianas foi escollida como Muller Emprendedora do Ano 2019 cando apenas contaba con 24 anos. Hemper, a súa marca de mochilas e complementos, ten unha marcada vocación de impacto social posto que os elementos de moda xuvenil que vende son de carácter sostible ao ser feitos a man en Nepal e só están compostas con cáñamo, polo que se traballa cunha das teas máis respectuosas co medio ambiente e, á vez, dáse emprego ás familias e comunidades en risco de exclusión social. Por este motivo, a empresa cumpre os máis altos estándares de impacto ambiental e social.