Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para a terceira das Depo andainas 2020 que percorrerá o val das Fadas na Cañiza

A ruta, que será a derradeira da quinta edición deste programa que une deporte e natureza, desenvolverase o 20 de setembro e ofrece 200 prazas


31 agosto 2020

Tras o éxito das dúas primeiras Depo andainas, a Deputación de Pontevedra abriu este luns 31 de agosto o prazo de inscrición para a terceira e última das rutas programadas para este verán. Nesta ocasión as persoas participantes percorrerán o val das Fadas, no concello da Cañiza, o domingo 20 de setembro.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse no sitio web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes a capacidade, remata o 14 de setembro ás 12 horas. No caso de non poder asistir á andaina, as persoas inscritas deberán comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche da inscrición enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal. Deste xeito, pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda.

Este verán a iniciativa, que ten sufrido variacións por mor da COVID-19, contou na súa oferta con tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade. No mes de agosto realizáronse as dúas primeiras rutas, que transcorreron polos muíños da Fraga, en Moaña, e onte domingo a da fervenza de Callobre, na Estrada, e cuxas prazas se esgotaron ao pouco de abrirse o prazo de inscrición.