Noticias

A Deputación abre este venres o prazo de inscrición para participar na cata e degustación sensorial con motivo do Día Europeo do Enoturismo

O evento terá lugar o 13 de novembro na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo


04 novembro 2021
Cartel Día Europeo do Enoturismo

A Deputación abre este venres, 5 de novembro, o prazo de inscrición para participar na cata e degustación sensorial que organiza con motivo do  Día Europeo do Enoturismo xunto á Ruta do Viño e en colaboración con Anfaco. As persoas interesadas en asistir á actividade, que terá lugar o 13 de novembro ás 18.30 horas na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo, poderán adquirir algunha das 35 prazas ofertadas aboando 12 € a través da web de Ataquilla.

A cata e degustación sensorial que promove a institución para celebrar o Día Europeo do Enoturismo trátase dunha novidosa iniciativa que levará ás persoas asistentes a coñecer o mundo dos viños da DO Rías Baixas a través dunha cata a cegas.  A actividade, totalmente sensorial, permitirá ás e aos participantes aprenderán a sentir todas as características e matices que fan únicos e diferentes aos viños desta denominación de orixe.

No evento cataranse viños monovarietais, plurivarietais, unha elaboración espacial, un tinto e tamén un espumoso da DO Rías Baixas que se acompañarán de queixos, pan, conservas da man de ANFACO e doces, espremendo ao máximo os cinco sentidos. Así, as persoas participantes agudizarán o oído a través do descorche da botella, do ruído do viño ao deslizarse na copa e da propia música que acompañará o evento. Observarán a través da vista as diferentes tonalidades do viño e a súa lágrima. Mediante o olfacto as e os participantes aprenderán a distinguir tamén as distintas esencias e olores de viños e cortizas. A través do tacto manipularanse diferentes elementos como as propias cortizas e mediante o gusto gozarán dos diferentes viños da DO Rías Baixas e produtos que acompañarán a cata e degustación sensorial.