Noticias

A Deputación abre este martes un servizo de atención en Cambados para atender as consultas sobre o proceso de regularización catastral

As veciñas e os veciños serán atendidos no Centro Cultural de A Merced en horario de 9:30 a 14:30 h. e de 16:00 a 19:00 h


15 xullo 2018
Concello de Cambados

A Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Cambados, vai habilitar, a partir deste martes, un servizo provisional de atención ao público para que veciñas e veciños do municipio poidan tramitar máis facilmente as súas consultas sobre o procedemento de regularización catastral que se está realizando na actualidade.

Dende este martes, 17 de xullo, e previsiblemente durante dúas ou tres semanas, haberá no Centro Cultural A Merced persoal disposto polo Goberno provincial para atender todas as demandas da veciñanza sobre este proceso. O horario de atención ao público será, polas mañás, de 9:30 a 14:30 h., e polas tardes, de 16:00 a 19:00 h.

A Deputación de Pontevedra habilita este servizo despois de que o Concello de Cambados lle solicitase colaboración para atender á cidadanía afectada polo procedemento de regularización catastral. Estímase que por este proceso en Cambados están afectadas unhas 1.200 persoas.