Noticias

A Deputación abre este luns o prazo para participar na terceira ruta de "Voando nas Rías Baixas" pola reserva ornitolóxica do Grove

Ata o 26 de febreiro as persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude para participar nesta terceira ruta ornitolóxica, de xeito totalmente gratuíto, a través de www.depo.es


16 febreiro 2019
Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 18 de febreiro e ata o día 26, o prazo de inscrición na terceira ruta do programa "Voando nas Rías Baixas", que impulsa a institución provincial en colaboración con SEO/Birdlife, e que neste caso discorrerá pola Reserva Ornitolóxica do Grove. As 25 prazas gratuítas ofertadas, que no caso das dúas primeiras rutas esgotáronse nun par de horas, cubriranse por rigoroso orde de entrada da solicitude a través de www.depo.gal.

Tralo paso de "Voando nas Rías Baixas" o pasado 20 de xaneiro polo esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa e o 10 de febreiro pola enseada de San Simón, chega a terceira ruta pola Reserva Ornitolóxica do Grove. Este espazo do Grove está protexido pola Rede Natura 2000, pero tamén foi declarado Humedal de Importancia Internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e, desde o 2014, Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.

A Reserva Ornitolóxica do Grove trátase dun dos mellores lugares de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade como pola cantidade xa que nesta reserva pasan os meses fríos do ano máis de 18.000 aves acuáticas. Unha das máis destacadas é o cullereiro, que ten neste espazo un dos mellores lugares de paso e invernada da península ibérica. Pero tamén destacan grupos de anátidas, limícolas e ardeidos. Así, no Grove pódense ver, ademais do cullereiro, gaivotas, pilros, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, carráns e corvos mariños.

Para poder participar na ruta ornitolóxica pola reserva do Grove, a Deputación de Pontevedra vai poñer á disposición das persoas participantes prismáticos de observación de aves, dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar de aves sen molestalas e unha guía de aves para cada unha das persoas participantes na ruta ornitolóxica.

"Voando nas Rías Baixas" ten por obxectivos converter á provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Ademais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmos.

Tralas dúas primeiras rutas de "Voando nas Rías Baixas", polo esteiro do río Miño e A Foz da Ramallosa e pola Enseada de San Simón, e esta terceira ruta pola Reserva Ornitolóxica do Grove, o programa continuará o 19 de maio nas brañas de Xestoso e rematará o 16 de xuño na serra do Suído.