Noticias

A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición para a primeira das Depo andainas 2020 que percorrerá os Muiños da Fraga en Moaña

A ruta que estrea a quinta edición deste programa gratuíto desenvolverase o 9 de agosto e ofrece 200 prazas


19 xullo 2020

Volven as Depo andainas, o programa gratuíto da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo, no marco do decidido compromiso da institución provincial co medio ambiente.

Este luns 20 de xullo ábrese o prazo de inscrición para o primeiro dos itinerarios, que percorrerá o 9 de agosto a Ruta dos Muíños da Fraga en Moaña. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir das 9 horas na web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes a capacidade, remata o 3 de agosto ás 12 horas.

A Ruta dos Muíños da Fraga é unha camiñada de 9,7 quilómetros de itinerario circular e dificultade media. Coas novas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, as e os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor ou monitora e un grupo. Estes serán reducidos, cun máximo de 25 persoas. No caso de non poder asistir á andaina, as persoas inscritas deberán comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche da inscrición (neste caso o 3 de agosto antes das 12 horas), enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal. Deste xeito, pasará a ocupar a súa praza outra persoa da lista de agarda.

Seguintes rutas

Este verán, a iniciativa, que ten sufrido variacións por mor da Covid-19, oferta tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, e que contarán con 200 prazas cada unha.

Despois desta primeira camiñada polo concello de Moaña, a seguinte ruta será o 30 de agosto pola Fervenza de Callobre, no concello da Estrada. Para esta andaina, as inscricións abriranse o 10 de agosto e o prazo pecharase o día 24 ás 12 horas. O último itinerario será o 20 de setembro polo Sendeiro das Fragas e Levadas do río Calvo e Deva, no concello da Cañiza. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 31 de agosto e pecharase o 14 de setembro ás 12 horas.