Noticias

A Deputación de Pontevedra aborda a última fase para a musealización do castelo de Sobroso, consolidándoo como referencia do turismo de Pontevedra provincia

O Goberno adxudica en máis de 261.000 euros a execución do proxecto museográfico, que aposta por converter a visita nunha experiencia audiovisual, histórica e patrimonial


17 maio 2021

A musealización do castelo de Vilasobroso, unha das xoias patrimoniais da provincia, está en marcha. A Deputación acaba de adxudicar á obra por un importe de 261.631 euros co obxectivo de que as persoas que visiten a fortaleza da comarca do Condado poidan gozar dunha experiencia audiovisual do século XXI nun conxunto monumental que afunde as súas raíces no século X. O proxecto permitirá achegarse á historia e aos valores artísticos do edificio con recursos audiovisuais apoiados nas últimas tecnoloxías. A empresa, Intervento 2 SL, será a encargada de deseñar, instalar e poñer en marcha un equipamento museográfico de gran atractivo e acorde coas tendencias da demanda turística, convertendo a visita a Sobroso nunha experiencia na que se mestura a aprendizaxe co entretemento.

A Deputación aposta por un modelo de turismo baseado nas experiencias, na que o castelo se converte en escenario para pezas teatralizadas en formato audiovisual cunha visita dunha hora de duración na que se efectúa un percorrido ascendente polas distintas estancias da fortaleza e a torre da homenaxe, para rematar na súa terraza cunha espectacular vista do Condado e Portugal, alén do río Miño. As visitas, que poderán realizarse en galego, castelán ou inglés, terán unha hora de duración e contarán con grupos reducidos de 15 persoas, con protocolo antiCOVID-19 mentres as circunstancias así o esixan.

O proxecto museográfico estrutúrase ao redor de sete salas temáticas nas que abórdanse distintos aspectos explicados con diferentes soportes tecnolóxicos. A visita comeza coa sala "Sobroso na paisaxe", dotada dunha grande impresión fotográfica e caixas retroalimentadas con imaxes de referencia. A continuación, "A historia do castelo e os seus habitantes", onde pode atoparse un audiovisual sobre o vidro, que narra a vida na fortaleza medieval, coa escenografía dunha gran vitrina onde se sincronizarán imaxes. A terceira estancia é "O castelo, protagonista na Idade Media", unha montaxe con elementos téxtiles e módulos de cada personaxe vinculado á historia do Castelo: dona Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal e Isabel de Aragón. Accédese deseguido a "O castelo, da destrución á recuperación", espazo onde o videomapping para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, é protagonista. Ademais unha narradora virtual explicará os cambios ao longo do século XX. O seguinte espazo é "Os seres máxicos e a auga", onde atoparemos néboa, luces e unha locución coas lendas dos bosques de Sobroso. Chégase entón ata "A construción do castelo", onde paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza agardan ao visitante, que, ademais, introducirase no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de canteiro que abundan neste espazo, sinalizadas e explicadas en detalle. A última sala temática leva por nome "Os castelos, escenario de trobadores", dotada dunha proxección de dúas persoas namoradas, sentadas no parladoiro a nivel da torre. Ao seu carón un trobador, proxectado sobre unha tea de tule transparente rememorará a lírica da Idade Media.

A terraza, equipada con atrís con imaxes panorámicas e perfís para recoñecer os fitos xeográficos da paisaxe, pon punto final á experiencia museográfica de Sobroso, chamada a converterse nunha nova referencia obrigada para o turismo de Pontevedra provincia.