Noticias

A cuarta edición do torneo de golf Pulpo-Deputación de Pontevedra reunirá golfistas de todas as idades no Aero Club de Vigo


08 agosto 2017
Participantes do torneo

O deputado provincial David Regades asistiu hoxe á presentación do cuarto torneo de golf Pulpo-Deputación de Pontevedra, que reunirá entre os días 12 e 15 de agosto golfistas de todas as idades. Como nas pasadas edicións, nas que chegaron a participar ata 200 xogadoras e xogadores, o torneo celebrarase no Real Aero Club de Vigo.

David Regades sinalou que esta competición xa está a converterse nunha referencia no golf na provincia de Pontevedra. Pola súa parte, Carlos Mantilla e Jorge Pérez, organizadores do torneo, subliñaron o carácter competitivo e familiar deste torneo co que pretenden fomentar o golf entre a sociedade.

Na competición, cada participante deberá completar un total de 36 buratos e o sistema de competición será o Stableford, unha modalidade que consiste en que cada burato se puntúa con relación ao par.

Poderán participar no torneo todos aqueles golfistas con hándicap nacional que estean en posesión de licencia en vigor expedida pola Real Federación Española de Golf. Ademais, este ano como novidade, o torneo incorpora dúas categorías de infantís, con catro ou nove buratos.

Xunto á Deputación de Pontevedra, máis de 50 empresas privadas colaboran cun torneo no que, como xa é tradición, destaca o premio que recibirá aquel que faga un burato en un, xa que será premiado co seu peso en polbo.

Para rematar o acto, o presidente do Real Aero Club de Vigo, Luis Gonzaga de la Calle,  animou a todos os golfistas a participar nesta festa do deporte na que queren converter o trofeo.