Noticias

A cristaleira do Edificio Castelao do Museo énchese de "visión de futuro"

Durante todo o día de hoxe, co gallo do Día Internacional dos Museos, colectivos e persoas de maneira individual poden facer as súas achegas sobre como será o porvir do Museo


18 maio 2021
Día dos Museos

O Día Internacional dos Museos comezou hoxe con moita actividade no Museo de Pontevedra. A agrupación Paspallás, a través das creadoras Iciar Ezquieta, Begoña Paz, María Paz, María Covadonga e Laura Otero encheron as cristaleiras do Edificio Castelao de debuxos e participación de crianzas e tamén de adultos sobre como ven o Museo no futuro.

O festexo, que este ano ten como lema ‘O futuro dos Museos: recuperar e imaxinar', pretendía centrar hoxe a xornada nunha actividade creativa colaborativa buscando activar o espazo do museo como lugar de acción aberto e participativo e así se conseguiu: Durante a mañá estiveron presentes participantes de axentes sociais e culturais da cidade como Amencer, Xuntos, Juan XXIII, e ASSEI, e pola tarde (ata as 19 horas) será a quenda de Taller Abierto e da Facultade de Ciencias da Educación, que realizarán obradoiros destinados a crianzas e a estudantes. Tamén se poderá pasar polo Museo e facer a súa composición sobre o futuro do Museo calquera persoa que queira, cubrindo unha tarxeta e colocándoa na vidreira.

A creación artística xirou en torno a dúas fases de execución. A primeira foi a creación da imaxe matriz a cargo das creadoras , para despois pasar á parte conxunta e aberta.

Ademais, durante o día de hoxe martes hai máis visitas guiadas, con inscrición previa pola mañá e pola tarde. Tamén houbo un recital de piano a cargo de María Domínguez Pérez, unha pianista de formación internacional que realizará dous pases, un pola mañá e outro ás oito da noite.               

As actividades continuarán o resto da semana. Mañá mércores farase unha visita guiada ás coleccións nun único horario (18 horas) e previa inscrición. O xoves abrirase a exposición ‘Galiza. De Nós a nós', haberá visita guiada ás Ruínas de San Domingos, ás 12 horas (sen inscrición previa), e outra visita guiada ás coleccións permanentes, ás seis da tarde (previa inscrición).

O venres haberá tamén visita ás coleccións, ás 18 h, previa inscrición, e o sábado 22 unha visita acompañada á exposición "Galiza. De Nós a nós", ás 12 h (con inscrición previa). Tamén se realizará un concerto a cargo de Laura Lamontagne, ás 22 h.

Para a solicitude de visitas con inscrición previa o horario de atención de correo electrónico educación.museo@depo.es será de 8:00 a 14:30 h de luns a venres. Para reservar durante a fin de semana é preciso chamar ao núm. de teléfono 986 804 100.

Fotos