Noticias

A cor azul turquesa tinguirá este venres o Pazo Provincial da Deputación para conmemorar o Día Internacional da Dislexia

A institución provincial únese á campaña #UnidosPorLaDislexia impulsada pola Federación Española de Dislexia (FEDIS), a Asociación Dislexia e Familia (DISFAM) e a Organización Iberoamericana das DEA (OIDEA)


07 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul turquesa o seu Pazo Provincial, desde as 20.30 deste venres 8 de outubro ata as 8.00 do sábado, ao abeiro do Día Internacional da Dislexia. Deste xeito, a institución únese á campaña #UnidosPorLaDislexia, impulsada pola Asociación Dislexia e Familia (DISFAM), a Federación Española de Dislexia (FEDIS) e a Organización Iberoamericana das DEA (OIDEA).

A través desta iniciativa preténdese darlle visibilidade a este trastorno, que afecta ao 10% da poboación mundial, así como outras dificultades específicas da aprendizaxe, facendo fincapé na importancia da detección e actuación precoz para evitar o fracaso ou abandono escolar. Empregarase para tinguir o Pazo provincial da Deputación  a cor azul turquesa xa que ten connotacións positivas para as persoas con dislexia e promove a súa creatividade, calma, serenidade, tranquilidade e equilibrio e estabilidade emocional.

Estímase que un 10% do alumnado en España, arredor de 800.000 nenos e nenas teñen dislexia, aínda que só un terzo recibe a atención profesional que precisa. Calcúlase que nunha clase de 25 alumnas e alumnos ao menos un/unha terá dislexia. Amais, preto do 60% do fracaso escolar está protagonizado por alumnado con dificultades de aprendizaxe, sendo unha delas a dislexia.