Noticias

O contorno da casa do concello de Cerdedo-Cotobade estrea novas beirarrúas tralas obras acometidas pola Deputación de Pontevedra

Gregorio Agís: "Seguiremos colaborando con todos os municipios reforzando a seguridade viaria nas estradas provinciais e a través do Plan Concellos, que permite realizar medio milleiro de obras ao ano para mellorar a vida de moita xente"


25 febreiro 2021
Plan Concellos Cotobade

As beirarrúas fronte a casa do concello de Cerdedo-Cotobade quedaron perfectamente acondicionadas cunha obra acometida pola Deputación de Pontevedra en resposta a unha solicitude do Goberno local. A actuación sitúase ao comezo da estrada provincial EP-0401 Carballedo-Caroi e tivo un orzamento duns 31.000 euros.

Os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor visitaron hoxe as obras acompañados do alcalde, Jorge Cubela, e varios concelleiros. Alí comprobaron a mellora na seguridade viaria nun tramo de 200 metros moi relevante, ao situarse a carón da sede municipal, o centro de saúde e varias entidades bancarias de Carballedo. As obras, ademais, completan a urbanización da Chan, realizada en 2019 con cargo a un convenio entre a Deputación e o Concello, cun importe de case 520.000 euros dos que a institución provincial achegou o 70 %.

Gregorio Agís destacou que queda en servizo "unha obra necesaria que nos solicitou o Concello e que tiña a súa razón de ser na necesidade de enlazar esta zona coa Chan". O deputado responsable de Infraestruturas explicou que ao tratarse dunha beirarrúa nunha estrada provincial, a Deputación asumiu a obra. "A seguridade quedou ben resolta e, ademais, axudamos a poñer en valor toda esta zona no marco dos criterios que defende a nova Deputación e que están recollidos no noso Decálogo de criterios de actuación nas estradas provinciais". Agís engadiu que seguirase a colaborar con Cerdedo-Cotobade, "ao igual que co resto de concellos da provincia, reforzando a seguridade nas estradas e por medio de instrumentos tan acreditados como o Plan Concellos, que transfire fondos regrados e con criterios obxectivos a todos os municipios, permitindo realizar todos os anos preto de medio milleiro de obras que melloran a vida de moita xente por toda a provincia".

Jorge Cubela amosouse "encantado" de recibir aos deputados provinciais e do resultado desta obra. "Este é o remate da mellora que emprendemos no ano 2019 para transformar o núcleo da Chan, faltaban esta actuación no último tramo da estrada e agora déuselle resposta por parte da Deputación". "Felicitármonos todos, Deputación e Concello, por sacar todo este conxunto adiante", concluíu.

As novas beirarrúas permiten un acceso seguro a todo o ámbito da Chan, presidido pola capela de San Roque e onde tamén se habilitou no marco do convenio co Concello unha área de aparcamento. Toda esta zona quedou resolta con plataforma única, de prioridade peonil, e o redeseño d0 contorno do edificio relixioso.

A Deputación de Pontevedra investiu en Cerdedo-Cotobade máis de 8,5 millóns de euros desde o ano 2015 con cargo aos distintos programas provinciais. Neste tempo o Concello realizou unhas 40 obras con cargo a fondos provinciais, pero tamén acometeu unhas 50 actividades socioculturais e, finalmente, puido contratar a máis dun cento de persoas con cargo aos plans de Emprego sufragados pola Deputación. Cerdedo-Cotobade conta neste ano 2021, cunha asignación de 963.326 euros do Plan Concellos.