Noticias

O contorno da capela de San Amaro converterase nunha praza en pleno Camiño de Santiago gracias ao investimento de 303.000 euros

Gregorio Agís presentou o proxecto financiado polo convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro: "Este non é un proxecto de mera seguridade viaria; é moito máis"


30 marzo 2021
san Amaro

O Concello de Barro gañará unha praza, no corazón do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, a carón da capela de San Amaro. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, presentaron un proxecto valorado en 303.000 euros e que conxuga a seguridade viaria nun espazo polo que camiñan uns 70.000 peregrinos/as ao ano coa recuperación patrimonial. O acto, que tivo lugar na casa do concello, incluíu unha presentación a cargo do persoal técnico provincial.

As obras responden ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra, que achega un 70 % (212.297 euros) e o Concello, que asume o 30 % restante (90.894 euros). O deputado Gregorio Agís anunciou que o interese da institución provincial "é aprobar o proxecto e licitalo o antes posible para que en poucos meses estea executándose". A Deputación quere unha execución "en tempo récord" para que estea lista de cara ao próximo ano xacobeo e tendo moi en conta a necesidade de minimizar molestias "nun espazo tan concorrido".

"Non é un proxecto de mera seguridade viaria en plena estrada provincial; é moito máis" incidiu Gregorio Agís para referirse a unha iniciativa "que sempre demandaron desde o Concello". O deputado destacou que a filosofía da institución provincial pasa por adaptarse á natureza dos espazos, polo que ao tratarse nesta ocasión dun núcleo con tanta "historia, tradición e valor patrimonial, a prioridade peonil é incuestionable". "Imos dotar á estrada provincial de espazos onde a cidadanía e veciñanza poidan parar a descansar e gozar do patrimonio". Agís destacou a necesidade de traballar cun calendario esixente: "Estamos no meollo do primeiro destes dous anos xacobeos e hai que telo en conta". Finalmente, puxo en valor as numerosas iniciativas nas que a Deputación traballa conxuntamente co Concello, especialmente en materia de Infraestruturas.

Xosé Manuel Fernández fixo fincapé en que "a relación institucional entre o Concello de Barro e a Deputación é inmellorable e moi de agradecer", e lembrou a súa primeira xuntanza co deputado de Infraestruturas, cando lle solicitou a realización desta obra como a prioridade do mandato municipal. "Barro é un concello rural no que non hai casco histórico como sucede noutros concellos; nós temos un núcleo urbano novo, pero por aquí, por San Amaro, xa pasaban os romanos para cruzar Galicia, dando así pé ao Camiño de Santiago". O alcalde destacou a importancia de que se cumpra o compromiso de executar esta obra. "Dignifica moito ese espazo, a antesala do noso concello". O alcalde concluíu agradecendo o esforzo da Deputación: "tódalas infraestruturas que de vós dependen están en perfecto estado no concello", concluíu.

Praza con pavimento de lastras

As obras sitúanse no p. q. 1+100 da EP-0508 Curro-San Amaro, un amplo espazo formado por un cruzamento no que se atopan a praza e igrexa de San Amaro. Atravesado polo Camiño Portugués que vai cara Santiago de Compostela, constitúe un tramo moi frecuentado por un elevado número de peregrinos e peregrinas. Calcúlase que no ano 2019 pasaron 90.000 camiñantes na súa ruta a Compostela. Porén, atópanse cunha situación de inseguridade viaria dada a total inexistencia de beirarrúas, beiravías ou algún tipo de itinerario reservado para as persoas viandantes, obrigadas a compartir espazo cos vehículos.

O proxecto consiste na creación dunha auténtica praza, unha zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual, que se construirá con pavimentos de pedra e se dotará de mobiliario urbano moderno e de deseño con bancos de pedra, dignificando así tamén a propia capela de San Amaro. A maiores, executarase unha nova rede de pluviais, procederase ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións existentes e executarase unha nova rede de fecais e iluminación pública con luminarias led de deseño. Finalmente, instalarase nova sinalización horizontal e vertical e embelecerase todo o ámbito coa plantación de árbores.

A Deputación leva investidos en Barro máis de 5,5 millóns de euros desde 2015. Boa parte das achegas corresponden ao Plan Concellos, que este ano supón un investimento de preto de medio millón de euros para o municipio da área de Pontevedra. As obras en San Amaro sumaranse ás 18 xa realizadas dentro da área de Infraestruturas nas vías provinciais que cruzan Barro