Noticias

A consultora Ernst&Young sitúa á Deputación de Pontevedra como a mellor deputación de Galicia en administración electrónica

No informe "La administración digital en España. Desde la perspectiva del ciudadano y de la empresa" a consultora asegura que a institución provincial sitúase case 8 puntos por riba da media das deputacións do Estado


26 marzo 2019
Administración electrónica

A consultora internacional Ernst&Young acaba de publicar o informe "La administración digital en España. Desde la perspectiva del ciudadano y de la empresa" na que se recolle unha análise da situación das comunidades autónomas, cabidos, deputacións e grandes concellos en canto á administración electrónica. Segundo o estudo, a Deputación de Pontevedra é a líder en Galicia en canto a cumprimento e atópase nunha situación avanzada en canto á adecuación ás leis 39/2015, de procedemento administrativo común, 0 e 40/2015, de réxime xurídico do sector público, que sentan as bases para o funcionamento dixital da administración pública.

Segundo o informe da consultora Ernst&Young (E&Y), a Deputación de Pontevedra cun índice de cumprimento do 71,6 % sitúase case 8 puntos máis que a media, que se atopa no 64 %. Deste xeito, trátase da Deputación galega que encabeza o ránking de cumprimentos e a que se atopa mellor situada das institucións provinciais galegas nos diferentes aspectos analizados no informe da consultora. Así, "La administración digital en España. Desde la perspectiva del ciudadano y de la empresa" sitúa á Deputación de Pontevedra cun índice de madurez verde, con niveis elevados de cumprimento, destacando especialmente en canto á xestión de expedientes, documentos, arquivos electrónicos e sede electrónica, que xa conta con cerca de 60 procedementos completamente dixitais. En canto á adecuación ás leis 39 e 40/2015 en materia de administración dixital e partindo desde o punto de vista da cidadanía, E&Y asegura que a Deputación de Pontevedra está tamén en situación avanzada.

"La administración digital en España. Desde la perspectiva del ciudadano y de la empresa", datado en marzo de 2019, identifica 132 requirimentos recollidos polas leis 39/2015 e 40/2015. O informe constata que non hai ningunha administración que cumpra con todos os requirimentos e que a media do cumprimento nas deputacións provinciais sitúase no 64 %, 7,6 puntos por debaixo que o índice acadado pola Deputación de Pontevedra.