Noticias

A construtora Misturas SA realizará a rehabilitación do firme de seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 en Dozón

O deputado Uxío Benítez explica que as obras, que mellorarán o firme nun treito de seis quilómetros, teñen un prazo de execución de catro meses


20 febreiro 2019
Estrada provincial en Dozón

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha de maneira inminente os traballos de rehabilitación do firme de case seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-A Rocha dentro do concello de Dozón. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a Xunta de Goberno provincial vai aprobar este venres de forma oficial a adxudicación dos traballos á construtora ‘Misturas SA' por presentar a mellor oferta técnica e económica das sete recollidas.

Ábrese agora o prazo para asinar o contrato, entregar a documentación e presentar a acta de replantexamento dos traballos por parte da firma adxudicataria. A intención é que a obra comece de maneira inmediata logo de solucionar os últimos trámites administrativos e que o prazo de execución dure catro meses. A actuación finalmente realizarase por un orzamento de 168.047,22 euros.

Este proxecto mellorará a seguranza viaria e peonil da estrada provincial pavimentando a traza existente en case seis quilómetros de vía, desde o punto quilométrico 0+000 ata o 5+900. Levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escoamentos creen balsas na calzada. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, liñas brancas transversais, símbolos e frechas, entre outros) co fin de mellorar a visibilidade da traza da vía para as persoas condutoras, sobre todo en días de néboa e chuvia.

Os datos dun estudio de aforamentos realizado pola Deputación revelan que a EP-6104 presenta un tráfico medio duns 438 vehículos. No punto quilométrico 0+700 detectouse o paso de 388 vehículos lixeiros e 50 pesados, habendo unha repartición de sentidos de 52-48 e unha velocidade media de 64 quilómetros/hora.