Noticias

A compostaxe chega a máis de 100 escolares do IES Barral de Ponteareas da man do Plan Revitaliza

Rapaces e rapazas de 1.º, 2.º e 3.º da ESO puxeron en marcha un composteiro para tratar os residuos orgánicos do centro de ensino


20 febreiro 2018
IES Barral

Máis dun cento de rapaces e rapazas de 1.º, 2.º e 3.º da ESO do IES Barral de Ponteareas están a poñerse ao día sobre compostaxe da man do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Grazas a varias charlas e obradoiros aprenderon da necesidade de xestionar os residuos de modo sustentable, facendo fincapé no proceso da compostaxe e do tratamento dos residuos orgánicos. Ademais, puxeron en marcha un composteiro individual para que no centro se poidan compostar todos os restos de comida e vexetais que se xeran.

As charlas-coloquio cos rapaces e rapazas centráronse principalmente no achegamento ao lixo doméstico con material audiovisual e complementario, coñecendo a súa tipoloxía e volume, a súa xestión e tratamento, centrándose fundamentalmente no proceso de compostaxe da parte orgánica, que supón un 53 % da bolsa dos residuos, segundo os datos técnicos da Deputación.

O obradoiro que máis chamou a atención dos 101 rapaces implicados no programa foi o realizado nestes últimos días, titulado ‘Quen vive aí?', no que puideron identificar con microscopios e outro material de aumento os bichos e invertebrados que están presentes no composteiro e que axudan no proceso da compostaxe. As e os escolares tamén estiveron moi involucrados na posta en marcha dun composteiro individual no colexio, coñecendo o seu manexo e o necesario rexistro de parámetros para obter compost da máxima calidade (volume de lixo e estrutúrante a mesturar, temperatura, realización de gráficas), así como solucións para resolver eventuais problemas que se puideran presentar.

Como complemento a todas estas actividades, realizadas por persoal de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), tamén se organizou unha exposición sobre compostaxe que está itinerando por triplicado entre os centros educativos da provincia. A mostra consta de nove paneis e busca sensibilizar sobre a problemática dos residuos, dar a coñecer o Plan Revitaliza da Deputación e a importancia da concienciación e participación da cidadanía nesta iniciativa: apóstase por pechar o ciclo da materia orgánica existente no lixo producindo compost, que volve á terra para enriquecela.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades en colaboración co CEIDA sabedora da importancia de concienciar á comunidade escolar (docentes e alumnado) da necesidade de acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50 % do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custos de tratamento e recollida.