Noticias

A comisión para recuperar o xacemento de Adro Vello bota a andar con Deputación de Pontevedra, Concello do Grove e Costas do Estado coa ausencia da Xunta de Galicia

Acordase trasladar a Xunta de Galicia unha nova proposta de actuación urxente para evitar a degradación do sistema dunar que rodea o enclave


05 marzo 2021
Comisión de Adro Vello

A Comisión Interadministrativa para abordar a protección, promoción e recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, no Grove, botou a andar hoxe cun encontro telemático no que participaron a Deputación de Pontevedra, o Concello do Grove e o Servizo Provincial de Costas. Tan só faltou a Xunta de Galicia, dado que non asistiron nin a Consellería de Medio Ambiente, nin a Consellería de Cultura, a pesar de ter sido invitadas e de que se trataron asuntos da súa competencia directa. Nesta primeira sesión, que tivo lugar de maneira telemática, participaron o deputado Carlos Font e o arqueólogo provincial, Rafael Rodríguez; o alcalde, José Cacabelos, e un técnico municipal de Medio Ambiente e, finalmente, o xefe provincial de Costas, Enrique Fernández Menéndez, acompañado do enxeñeiro do servizo.

A xuntanza comezou cun informe do arqueólogo provincial que definiu a Adro Vello como "un xacemento maltratado desde que se coñece" e relatou que as escavacións realizadas hai décadas non foron acompañadas de actuacións de protección dos obxectos atopados, así como da musealización do conxunto. Alertou sobre os efectos que están a causar os temporais trala desaparición parcial da duna e dos empozamentos provocados polas choivas e os negativos efectos das escorrentas.

Neste senso lembrouse que en outubro de 2020 a Consellería de Medio Ambiente informou negativamente a proposta do Concello de O Grove de protexer o xacemento, no lado que dá á praia do Carreiro, cunha barreira de sacos terreiros. A Consellería propuxo entón que se activase un procedemento para "a rexeneración dunar empregando técnicas de enxeñería branda, seguido dun proceso de rexeneración da cobertura vexetal", unha solución que o persoal técnico de Deputación e Concello comparten e ven adecuada. Por iso, acordouse trasladar esta proposta a Consellería de Cultura como Administración con competencias na protección do patrimonio para a súa contratación e execución.

Pola súa banda, o alcalde de O Grove que celebrou "que é a primeira vez en 40 anos que eu como alcalde estou sentado con varias Administracións para falar do xacemento" anunciou o seu compromiso para repoñer o valado perimetral do xacemento unha vez que estas obras de contención dunar estean acometidas, e a facer limpezas extraordinarias no enclave cara a época estival.

Como todas estas actuacións precisan de control arqueolóxico previo, pola súa banda, a Deputación de Pontevedra mostrou tamén a súa predisposición a colaborar con ambas as dúas Administracións, autonómica e local, para facilitar non só ese control senón para prestar asesoramento arqueolóxico a través do seu servizo provincial.

"Autorización" para as obras urxentes e título concesional para as definitivas

Dende a Xefatura Provincial de Costas destacouse a súa vontade en facer "asesoría legal" sobre os plans de futuro e proxectos relacionados cun xacemento que está situado en dominio público marítimo-terrestre. Así, o xefe provincial explicou que as actuacións urxentes poden ampararse na figura da "autorización" recollida na Lei de Costas, sempre que sexan obras desmontables e non inclúan cimentacións. Non obstante, ao estar Adro Vello dentro de Rede Natura 2000 deixou moi claro que todas as actuacións deben contar co informe favorable preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente en base a un proxecto básico.

O xefe provincial de Costas tamén deixou claro que unha vez que a Consellería de Cultura remate o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Adro Vello e o seu contorno, será necesario que a Xunta de Galicia tramite nun prazo dun ano a solicitude do título de concesión administrativa para os terreos costeiros declarados BIC, previsto expresamente na disposición adicional terceira do Regulamento de Costas.

Sobre ese título concesional a favor da Xunta articularíanse todos os pasos posteriores encadrados no necesario Plan Director proposto pola Deputación e o Concello do Grove, que debe definir as accións a executar a medio e largo prazo: consolidación da área escavada actual, a redacción dun proxecto de escavación, valoración do posible cambio de trazado da estrada, intervención arqueolóxica na zona afectada pola estrada e musealización futura das zonas intervidas.

Ao remate da reunión, Carlos Font destacou que a Deputación encargarase de remitir a todas as Administracións implicadas os asuntos tratados na xuntanza de hoxe, incluídas as Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura, e continuar cos traballos da Comisión Interadministrativa na medida en que as competencias de cada unha das partes implicadas o permita.

Ausencia da Xunta

A Xunta de Galicia non participou nesta convocatoria da comisión. Segundo as comunicacións recibidas na Deputación de Pontevedra, a Consellería de Medio Ambiente declinou participar na Comisión Interadministrativa instando a dirixirse á Consellería de Cultura "por ser a competente na materia".

Pola súa banda, a Consellería de Cultura remitiu unha comunicación na que indicaba que consideran "fundamental que todas as Administracións avancen no seu ámbito competencial no impulso e conservación do xacemento de Adro Vello", pero a pesar de iso nin confirmaron nin descartaron a asistencia, y finalmente, non tomaron parte. Indicar que na propia comunicación da Xunta informan que a pesares das xestións feitas ata o día de hoxe, aínda non se ten incoado o expediente de declaración de BIC.

Fotos