Noticias

A comarca de Vigo acolle este mes de xuño 20 novas accións formativas do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, ás autónomas e ás pemes da provincia


03 xuño 2018
SmartPeme en Vigo

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de xuño un total de 20 accións formativas (sete en Vigo e Ponteareas e seis no Porriño) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

As quendas para o mes de xuño na oficina de Vigo comezan o martes 5 ás 19 h con Emprego de Vídeos nas Redes Sociais: Youtube, Periscope… A seguinte acción será Edición de Fotografía para Plataformas E-commerce, o xoves ás 19 h. O curso Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro) chegará a Vigo o martes 12 tamén ás 19 h. O xoves desa mesma semana á mesma hora impartirase Como Presentar a túa Idea de Forma Efectiva en Tan Só 5 Minutos. O martes 19 de xuño será a quenda de Promove o teu Perfil en Facebook con Aplicacións Externas, ás 19 h. A acción Plataformas Online para Crear o teu E-commerce chegará o xoves 21, pero nesta quenda ás 17 h. Para rematar, o martes 26 ás 19 h terá lugar o curso Pasarelas de Pago para o Comercio Electrónico. Ademais, o xoves 28 de xuño, enmarcadas no día do asesorado "SmartPeme", terán lugar as seguintes accións: Plataformas de Comercialización para Vivendas e Apartamentos Turísticos. Que É e para que Serve Arduino ás 10 h; E-commerce. O teu Propio Canle de Venda en Liña. A Innovación como Ferramenta para Pemes ás 12 h; Fotografía para E-commerce. Márketing de Contidos ás 16 h e, por último, Técnicas de Promoción en Liña para Empresas Turísticas. Ferramentas de Prototipado Rápido ás 17 h. A oficina "SmartPeme" de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Seguridade Informática: Conceptos Básicos, o martes 5 ás 19 h. O seguinte será Imos Chamar á Porta da túa Clientela: Posicionamento SEO, o xoves 7 á mesma hora. Seguiralle Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro), o martes 12. Esa mesma semana, o xoves 14 á hora habitual, impartirase o curso Fotografía os teus Produtos ou Servizos para as Redes Sociais. A formación Crea un Plan de Social Media para a túa Empresa Turística chegará o martes 19 de xuño, nesta ocasión ás 17 h. A quenda do curso Pasarelas de Pago para o Comercio Electrónico será o xoves 21 ás 19 h. Xa por último, o martes 26 de xuño á mesma hora, Rentabiliza o teu Perfil Profesional en Facebook será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina "SmartPeme" de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.

Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o martes 5 de xuño, ás 19 h, co curso Google Analytics: Iniciación á Analítica WEB. Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro) chegará o martes da semana seguinte, 12 de xuño, á mesma hora. A acción Como Ser Eficiente na Organización do teu Tempo: Trello e Toggl terá lugar o xoves 14 de xuño, na hora habitual. O martes 19 será a quenda de Imos Chamar á porta da túa Clientela: Posicionamento SEO. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 h, impartirase o curso Facebook Ads e, finalmente, Fotografía Gastronómica co teu Móbil o martes 26 de xuño á mesma hora. A oficina "SmartPeme" do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo-e info.smartpeme@depo.es ou en www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas no contorno económico actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC". A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, as persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.