Noticias

A comarca de Vigo acolle este mes de febreiro 21 novas accións formativas do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 febreiro 2019
SmartPeme Vigo

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de febreiro un total de 21 accións formativas (7 en cada unha delas) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

As quendas para o mes de febreiro na oficina de Vigo comezan o martes, 5 de febreiro, ás 19 horas con "Que é a publicidade nativa e porque debería empregala". A seguinte acción será "Pasarelas de pago para o comercio electrónico", o martes 12, tamén ás 19 horas. O curso "Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet" chegará a Vigo o xoves 14 ás 18 horas. O martes 19,ás 19 horas, impartirase "Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console". O xoves desa mesma semana á mesma hora será a quenda de "Fotografía os teus produtos e servizos para as redes sociais". A quenda de "As vantaxes de Instagram para a promoción de establecementos turísticos" chegará o martes 26 de febreiro ás 17 horas. E, para rematar, "Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais" terá lugar o xoves 28 ás 19 horas. A oficina "SmartPeme" de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: "Google Calendar, moito máis que unha axenda", o martes 5 de febreiro, ás 19 horas. O xoves 7, ás 17 horas, terá lugar "Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos". O martes da seguinte semana, ás 18 horas, impartirase "Crea unha páxina profesional con WordPress". A seguinte será "Como promocionar o teu propio evento en redes sociais", o xoves 14 ás 19 horas. A quenda de "Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero" será o martes 19 de febreiro, ás 19 horas. Por outra banda, o xoves desa mesma semana á mesma hora, terá lugar o obradoiro "Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas". E, xa por último, o xoves 28, tamén ás 19 horas, "Plugins de WordPress para mellorar a túa web" será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina "SmartPeme" de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

Por último a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o xoves 7 de febreiro, ás 19 horas, co curso "Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console". "Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos" chegará o martes 12 ás 17 horas. O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, impartirase "Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero". A acción "Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet" terá lugar o martes 19 ás 18 horas. O xoves 21 de febreiro, ás 19 horas, chega "Chatbots: A automatización da atención á clientela". O martes 26, tamén ás 19 horas, impartirase o curso "Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais". E, por último, o xoves desa mesma semana, ás 19 horas, terá lugar "Como promocionar o teu propio evento en redes sociais". A oficina "SmartPeme" do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira.