Noticias

A comarca de Vigo acolle este mes de decembro 12 novas accións formativas do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC está destinado ás persoas emprendedoras e autónomas e ás pemes da provincia


03 decembro 2018
SmartPeme Vigo

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante este mes de decembro un total de 12 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de decembro na oficina de Vigo comezan o martes 11 de decembro, ás 17:00 horas, con "O marketing móbil e a súa importancia no sector turístico". A seguinte acción será "Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo" o xoves 13, ás 19:00 horas. O curso "Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest" chegará a Vigo o martes 18, ás 19:00 horas. O xoves 20 de decembro, ás 19:00 horas, impartirase a acción "Crea presentacións profesionais con Prezi". A oficina "SmartPeme" de Vigo atópase na sede da Deputación na cidade olívica, na rúa Oporto, núm. 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros. "Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone" terá lugar este martes, 4 de decembro, ás 17:00 horas. O seguinte martes, 11 de decembro, ás 19:00 horas desenvolverase "Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest". O xoves 13 de decembro, tamén ás 19:00 horas, terá lugar "Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais". A seguinte acción formativa será "O marketing móbil e a súa importancia no sector turístico", o martes 18 de decembro, ás 17:00 horas. A oficina "SmartPeme" de Ponteareas sitúase no Centro de Desenvolvemento Local,  en Lomba do Cruceiro, núm. 5 (Ribadetea).

Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros. Este martes, 4 de decembro, terá lugar "Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais", ás 19:00 horas. "A clave do marketing en liña: segmentación e clientes ideais" será o seguinte martes, 11 de decembro, ás 18:00 horas. A acción "O marketing móbil e a súa importancia no sector turístico" terá lugar o xoves, 13 de decembro, ás 17:00 horas. O martes 18 de decembro, ás 19:00 horas, será a quenda de "Crea presentacións profesionais con Prezi". A oficina "SmartPeme" do Porriño está no Multicentro do Concello, na rúa Ribeira s/n, Torneiros.

As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina www.smartpeme.depo.gal.