Noticias

A comarca de Vigo acolle en marzo 13 novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades


02 marzo 2020

As oficinas do programa "Smartpeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de marzo un total de 13 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A nova sede da Deputación en Vigo (rúa de Eduardo Chao, 17) acollerá cinco obradoiros. Fotografía de Produto: Todo o que debes Saber" terá lugar o martes 3 de marzo, de 18 a 20 horas, Aprende a Promocionar a túa Empresa con Pinterest levarase a cabo o seguinte martes día 10, de 19 a 21 horas, Aspectos Legais que toda Páxina Web debe Ter, impartirase o xoves 12 de marzo, de 19 a 21 horas, Como ser Eficiente na Organización do teu Tempo: Trello e TOGGL, será o luns día 16, desde as 16 ata as 18 horas e, por último, Aprende a Usar Correctamente Facebook para Empresas, chegará o martes 24 de marzo, tamén de 19 a 21 horas.

En Ponteareas, as catro accións levaranse a cabo no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro, núm. 5, Ribadetea). Estas comezarán o martes 3, de 19 a 21 horas, cun obradoiro de Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa. O martes 10 de 18 a 20 horas continuarán con Fotografía os teus Produtos ou Servizos para as Redes Sociais. O seguinte martes 17 de marzo, de 18 a 21 horas será a quenda de O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso. E, por último, o martes 24 de marzo realizarase un obradoiro titulado Como Introducirse no Mundo Comercial, de 18 a 21 horas.

Por outra banda, no Porriño as catro accións formativas serán: Motores de Reservas para Empresas Turísticas, o xoves 5 de marzo, de 17 a 19 horas; Aprende a Usar correctamente Facebook para Empresas, o martes día 10, de 19 a 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita como un Profesional, o martes 17, de 18 a 20 horas; e, por último, o xoves 26, de 19 a 21 horas será a quenda de Aprende a Elixir as Palabras Clave para a túa Estratexia SEO e SEM. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros).

As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer a través da aplicación, no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.

Vídeos