Noticias

A comarca de Vigo acada, cun 75,1 % de ocupación media en setembro, a maior porcentaxe da provincia

A presidenta da Deputación destacou que "pese á choiva os datos son moi positivos e nos sitúan como a provincia galega onde máis medra o turismo"


04 outubro 2019
Datos turismo Vigo

A comarca de Vigo acadou, cun 75,1 % de ocupación media en setembro, a maior porcentaxe da provincia de Pontevedra, tal e como confirmou esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva. "Este dato, xunto á media provincial que se sitúa no 64 %, é moi positivo. Seguimos a ser un turismo de referencia e ter un gran atractivo a nivel nacional e internacional, sendo xa a provincia galega onde máis medra o turismo", manifestou a presidenta provincial.

A ocupación acadada en setembro en establecementos hoteleiros da provincia foi do 63,8 %, tal e como recolle o estudo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que se asenta en enquisas cun nivel de confianza do 95 % e un marxe de erro do 5,15 %. Máis polo miúdo, segundo informou a presidenta da Deputación, a ocupación foi do 62,5 % na comarca do Salnés; do 67,6 % na comarca de Pontevedra (superando o 75 % na capital da provincia); do 59 % na comarca do Morrazo; do 66,9 % na comarca de Caldas; do 75,1 % na comarca de Vigo (sendo do 75,5 % na cidade de Vigo); do 69,1 % na comarca do Baixo Miño; do 40 % nas comarcas do Condado e A Paradanta e do 49,3 % nas comarcas de Deza e Terra de Montes.

En canto aos establecementos de turismo rural, Carmela Silva detallou que en setembro a ocupación media na provincia foi do 40 %. Por comarcas, no Salnés, a ocupación foi do 43,3 %, na comarca de Pontevedra do 40 %, no Morrazo do 50 %, na de Caldas do 51,4 %, na comarca de Vigo do 42 % e na comarca do Baixo Miño do 39,1 %.

Do 66,2 % foi a ocupación media provincial nos albergues. Neste eido, a zona de Caldas acadou un 81 %; Vigo un 78 %; Pontevedra, O Salnés e O Morrazo un 66 % (chegando ao 83 % na cidade de Pontevedra) e Deza e Terra de Montes un 47 %.

Pola súa banda, as vivendas turísticas superaron o 77,25 % de ocupación media na provincia de Pontevedra e do 82 % na primeira quincena de setembro. Neste caso, a porcentaxe foi do 73,5 % en Sanxenxo, 68 % en Cambados, 70 % en Poio, 73 % en Pontevedra, 70,5 % en Vigo, 68 % no Grove, 69 % en Cangas, 67 % en Vilagarcía de Arousa, 69 % en Baiona e 67,5 % en Bueu. Ocupan vivendas turísticas, tal e como detallou Silva, familias integradas por 2-4 membros e grupos de amigas/os que están a realizar o Camiño de Santiago. Ademais, o perfil das persoas usuarias deste tipo de aloxamentos proceden de Madrid, Castela e León, País Vasco, Asturias e Cataluña detectándose, neste mes de setembro, un incremento das persoas procedentes do estranxeiro (Alemaña, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Australia e Estados Unidos).

Tamén informou a presidenta da Deputación sobre as persoas que visitaron os castelos da provincia. En total foron 4.427 persoas das cales 2.786 visitaron Soutomaior e 1.641 Sobroso. Ao respecto, Carmela Silva asegurou sentirse "moi satisfeita por estes resultados, xa que cando nós chegamos ao Goberno o número de visitantes aos castelos descendía brutalmente e agora, tralos investimentos realizados, convertéronse en grandes elementos de atracción turística".

Finalmente, a presidenta provincial deu a coñecer o perfil das persoas turistas que visitaron as oficinas de Turismo Rías Baixas. Neste eido, tratáronse de persoas españolas (80 %) procedentes de Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia e Badaxoz. No caso das persoas estranxeiras (20 %) viñeron desde Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido e Estados Unidos.

Tal e como explicou Carmela Silva, o 50 % tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis (51 %) de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, O Grove e Poio principalmente. A estancia media da maioría das persoas que visitaron as oficinas de turismo da provincia foi entre 7 e 15 días e o 40 % viñeron ata as Rías Baixas motivados pola cultura, seguido do ocio (18 %) e natureza (12 %).