Noticias

A Casa das Campás acolle desde este luns a exposición "Sustentabilidade en feminino: Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar"

A exposición promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, poderá visitarse ata o vindeiro 21 de maio


14 abril 2018
Sustentabilidade en Feminino: Achegas das Mulleres á Sustentabilidade do Mar

Este luns 16 de abril inaugurarase na Casa das Campás a exposición "Sustentabilidade en feminino: Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", que volve a Pontevedra tras o seu paso polo Edificio de Ferro do Campus de Ourense.

Dita exposición, que estará dispoñible ata o vindeiro 21 de maio, é unha das actividades coas que a Universidade de Vigo arranca a Semana Internacional da Creatividade e da Innovación. De feito, foi no Campus de Pontevedra desta Universidade e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para visibilizar o papel da muller e a súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos e fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.

A exposición, que poderá ser visitada polo público xeral, estará aberta de luns a venres de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.

Fotos