Noticias

A Cañiza reafirma a súa aposta polo rural con obras de pavimentación e traída de augas valoradas en 178.000 euros e financiadas pola Deputación

Santos Héctor: "Ata o último céntimo do Plan Concellos se transforma en obras que solucionan problemas". "Instamos á Xunta de Galicia a involucrarse en serio no abastecemento de auga ao centro urbano de A Cañiza"


10 febreiro 2021
A Cañiza

O Concello da Cañiza mellorou os accesos, así como os servizos de varios núcleos rurais do municipio grazas a achegas do Plan Concellos da Deputación, cun orzamento de preto de 178.000 euros. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, quen visitou algúns destes traballos xunto ao alcalde Luis Antonio Gómez Piña e a deputada provincial Olga García, subliñou que son obras que teñen en común "a dotación de prestacións de calidade para fixar poboación no rural". Na visita participaron tamén, por invitación da Alcaldía, representantes de tódolos grupos da Corporación municipal.

En primeiro lugar comprobouse o resultado das obras de acondicionamento de accesos a Deva e Igrexa Vella, onde se investiron máis de 41.000 euros, así como a instalación da traída de augas e mellora de viarios acometidos en Randufe, que tiveron un orzamento de preto de 39.000 euros. No primeiro caso, estes traballos, financiados ao abeiro do Plan Concellos, consistiron na renovación do asfalto de ambos camiños, situados na parroquia de Petán, e cuxo pavimento estaba moi deteriorado. Con estas actuacións, mellorouse notablemente a situación destes viarios, beneficiando a un gran número de usuarios. E, no caso das actuacións en  Randufe, na parroquia de Achas, as obras consistiron na instalación dun tramo de traída de augas e a mellora de varios viarios na zona, que tiñan o firme moi deteriorado.

Como destacou Santos Héctor Rodríguez, trátase de obras que amosan "a enorme flexibilidade" do Plan Concellos para facer actuacións "claramente enfocadas á mellora da vida da comunidade e que permiten "consolidar poboación nas contornas rurais". "Á Deputación non lle custa ningún esforzo atender ás necesidades que nos suxire a o Concello da Cañiza", manifestou o deputado. "Poñemos ao seu dispor unha ferramenta tan poderosa como o Plan Concellos, que o ano pasado fixo posible a execución de preto de 500 obras na provincia, a contratación dun milleiro de persoas e a realización de máis de 200 actividades socioculturais. Investimos na Cañiza, ao igual que investimos en toda a provincia. Simplemente porque consideramos que a veciñanza da capital da Paradanta ten dereito ao elo. E iso non debería depender de quen goberna en cada institución". "Somos unha institución profundamente municipalista", afirmou Santos Héctor, "e encántanos vir a comprobar sobre o terreo como ata o último céntimo investido co Plan Concellos se transforma en obras que solucionan problemas, que revalorizan núcleos rurais e, por tanto vivendas, que melloran a calidade de vida da xente". E nese senso, reivindicou a colaboración doutras Administracións para solucionar os problemas da Cañiza E así aludiu ao subministro de auga ao seu centro urbano, "que leva adiado demasiado tempo", afirmou. "Facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que se implique con seriedade nesta actuación porque A Cañiza non pode seguir co servizo de abastecemento de auga que ten na actualidade".

Pola súa banda, o alcalde Luis Gómez Piña quixo destacar a presenza na visita de representantes de toda a Corporación municipal e subliñou que "o Plan Concellos é un instrumento moi poderoso e moi beneficioso neste caso para o municipalismo, e que se reparte de maneira obxectiva no conxunto da provincia de Pontevedra, indistintamente da cor política". "Somos un concello do rural con 5.000 habitantes e temos unhas infraestruturas de servizos que implican un elevadísimo custo de mantemento. Por iso, con instrumentos como o Plan Concellos, permítesenos tratar de afrontar esta tarefa. É un exemplo que deberían tomar outras Administracións".

Doutra banda, Santos Héctor Rodríguez e Luis Gómez Piña repasaron outras actuacións recentes financiadas co Plan Concellos neste municipio, en concreto a mellora da pavimentación dos camiños municipais de Candal aToural e de Torgo a Cota (38.599€), así como a mellora dos accesos dos camiños Cerdeira-Choza e Cota-Choza (38.636€). Outros traballos realizados foron os de acondicionamento levado a cabo na zona recreativa de Xunqueiras, cun investimento de 20.000€.


Novas relacionadas