Noticias

"A beleza oculta" a primeira exposición do Museo comisariada por nenas e nenos poderá visitarse a partires do vindeiro venres

Trátase dunha iniciativa, coordinada polo colectivo Taller Abierto e polo Gabinete didáctico do Museo, que pretende achegar a arte ao público máis novo dun xeito activo e consciente


13 febreiro 2018
Somos do Sexto

"Nesta exposición non veremos cadros pintados polas nenas e nenos participantes no proxecto, e atoparemos poucos cadros nos que apareza a cativada, porque desde o principio fuximos do evidente: unha exposición feita por nenas e nenos con temática infantil" aseguran as integrantes de Taller Abierto, o colectivo que coordinou o programa no que participaron un total de 13 rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos co obxectivo de coñecer, analizar, e crear unha exposición propia a partires da colección permanente do Sexto Edificio. Desde o pasado mes de outubro e en sesións semanais, as trece crianzas participaron no primeiro programa educativo destas características que acolle o Museo de Pontevedra. A exposición que, tal e como estaba previsto, foi incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 do Museo, será inaugurada o vindeiro venres ás 18 horas e permanecerá aberta ata o 18 de marzo.

Baixo o título "A beleza oculta" amosaranse 18 pezas escollidas polas 13 comisarias e comisarios, procedentes dos fondos permanentes do Museo. "Reflexionando sobre o concepto da beleza chegamos ao tema arredor do que xira esta mostra: a beleza oculta en roupaxes grises, en invernos fríos e en latas oxidadas. A beleza que xurde nos pequenos detalles cotiáns que cada autor ou autora decidiu contar". Así explican as representantes de Taller Abierto o título escollido e as motivacións que o xeraron. Aseguran, ademais, que tamén intentaron fuxir da mera exposición cronolóxica "porque iso xa está magnificamente formulado polo Museo".

A montaxe, que se está realizando neste momento polo persoal técnico do Museo, articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta. Trátase de pezas de moi diversa procedencia en canto a estilos e épocas e reflicte o proceso de análise e reflexión que as rapazas e rapaces foron culminando desde o inicial "isto gústame, isto non me gusta" ata chegar a unha proposta expositiva ben fundamentada.

Con esta mostra, a cabalo entre o didáctico e o ambiental, tanto comisarias e comisarios como as coordinadoras buscan o mesmo que nas demais propostas do Museo: que o público visitante se emocione, se faga preguntas e formule as súas propias respostas.

O equipo de comisarias e comisarios está formado por Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar, e Quique Muiños Couto.

Fotos