Noticias

‘A balanza da igualdade' chega ao IES Antón Losada da Estrada da man do programa "DepoRúARTE" da Deputación de Pontevedra

A deputada provincial, Olga García, presentou o mural do programa que este ano pon o foco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU


05 decembro 2019
DepoRuarte

O alumnado de 4.º da ESO do IES Antón Losada Diéguez da Estrada escolleu a igualdade de xénero como temática para participar na edición 2019 do programa "DepoRúARTE", co lema "Pintando alternativas". A Deputación de Pontevedra volveu impulsar un ano máis este proxecto, que vai xa pola súa cuarta edición, e que se basea na procura do compromiso xuvenil con temáticas relacionadas cos dereitos humanos e coa consecución dun mundo máis xusto e igualitario. A deputada de Cohesión Social, Olga García, foi a encargada de presentar o mural, titulado A balanza da igualdade. Acompañárona o director, persoal docente e alumnado do centro de ensino, así como o artista grafiteiro O Ras, que axudou as e os rapaces no proceso creativo.

O mural comezou a elaborarse a comezos de novembro no muro exterior do xardín do centro educativo e elaborouse exclusivamente con pintura en spray. O alumnado recibiu unha sesión formativa previa á realización do mural. En canto ao proceso creativo, cómpre destacar que a toma de cesións se realizou de xeito asembleario entre as 42 alumnas e alumnos, que, tras un intenso debate, escolleron a igualdade de xénero como o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) no que centrar a súa obra. O resultado final é un mural no que se pode ler a palabra "igualdade" acompañada por unha balanza na que mulleres e homes teñen o mesmo peso.

A través de "DepoRúARTE" a Deputación pretende implicar a mocidade na adopción de medidas que contribúan a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos pola ONU, especialmente os referidos á loita contra o cambio climático e contra as desigualdades. O obxectivo é seguir apostando pola arte urbana para poñer en valor a importancia dos ODS. As temáticas que os centros trataron este ano foron, entre outras, o consumo responsable, a acción climática, a igualdade, a paz, a fame cero ou a fin da pobreza.

Tras o seu paso polo CPI do Toural (Vilaboa), polo IES Indalecio Pérez (Tui), polo IES de Chapela (Redondela) e polo IES Antón Losada Diéguez, DepoRúARTE chegará entre a fin deste curso e o primeiro trimestre do próximo ao IES Monte da Vila (O Grove).

Fotos