Noticias

A asociación Remare Insieme de Pontevedra recibe máis de 10.000 euros da Deputación para rehabilitar a traiñeira tradicional Celeiriño

A deputada, María Ortega, explica que a axuda pertence á liña de subvencións para a Recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial


02 setembro 2021
Rehabilitación de Celeiriño

A Deputación concedeu unha subvención á Asociación Remare Insieme-Camiño Xacobeo a Remo de Pontevedra para rehabilitar a traiñeira Celeiriño grazas á liña para a Recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial da provincia. Este venres, segundo indica a deputada de Patrimonio, María Ortega, aprobaranse en Xunta de Goberno as axudas para este ano, que chegarán a dezaseis asociacións e suman un total de 128.354,46 euros, coa a intención de fomentar o coidado de bens de interese relacionados co mar e os ríos.

A deputada responsable da área amosouse satisfeita da resposta á liña de axudas ao patrimonio marítimo fluvial, que no 2020 –o primeiro exercicio das axudas– chegara a 14 colectivos e repartira algo máis de 100.000 euros. A nacionalista animou a máis entidades a solicitar nos vindeiros anos as subvencións, dixo, porque foron "concibidas para mellorar o estado de conservación do noso patrimonio e aliviar as cargas económicas das asociacións quen, con moito voluntarismo, asumen moitos gastos para poder conservar e poñer en valor aquilo que, por ter gran valor patrimonial, é de todas e todos nós".

A Asociación Remare Insieme pretende dar un uso recreativo á embarcación Celeiriño, que vai rehabilitar integramente adaptando as súas características ao seu uso por público non relacionado co mundo mariñeiro. O barco que se vai intervir é unha ‘ikazeta' anterior á 1970 que fora construída para o club de remo de Zarauz, conquistou dous títulos estatais e posteriormente pasou dúas décadas en Cangas antes de ser adquirida polo propietario que a vendeu á asociación. É das poucas traiñeiras que existen de madeira, tendo coñecemento doutras dúas que se atopan nos museos do mar de Galicia e de Euskadi.

No total da provincia a liña de axudas para a Recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial chegou a 16 colectivos, principalmente localizados no Salnés (10), pero tamén en Vigo (3) e O Morrazo (2).

Musealización ou promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas permitida (Liña 2) eran as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Tamén se permitían axudas (Liña 3) ás intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais, mais para este subapartado non se presentaron solicitudes.

As axudas desta iniciativa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, tiñan un orzamento de 150.000 euros. O importe máximo para cada actuación non podía exceder do 80 % do seu custo total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros, mais como nesta edición de 2021 os proxectos financiados non esgotaron a partida orzamentaria, incrementáronse as cantidades para cada colectivo baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.