Noticias

A artista Btoy invita cun gran mural en Caldas de Reis a reflexionar sobre os estereotipos nunha sociedade que "maquilla a violencia contra as mulleres"

A creadora foi a protagonista do programa da Deputación "Violencia zero" plasmando a súa obra, de 30 metros de longo por 8 de alto, nun muro da rúa Porto do Río


10 xuño 2021
Mulleres en acción. Violencia zero

O rostro dunha muller moza e bela suaviza a dura frase que figura ao seu carón, da escritora e feminista Bell Hooks: "Toda sociedade baseada na dominación apoia e aproba a violencia". Esta é a "imaxe trampa" que a artista Btoy (Andrea Michaelsson) acaba de plasmar nun enorme mural de 30 metros de longo por ata 8 de alto na rúa Porto do Río de Caldas, co que invita ao público a reflexionar sobre os estereotipos e sobre como "a sociedade maquilla a violencia de xénero e edulcora unha discriminación estrutural que nos afecta ás mulleres desde o momento en que nacemos". Esta acción é a nova proposta do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", que xa forma parte do patrimonio de Caldas de Reis e que foi presentada hoxe pola artista, pola deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, o deputado Manuel González e o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, coa presencia de representantes da Corporación municipal e de alumnado do obradoiro de emprego.

O mural de Btoy leva por título "En branco... A violencia simbólica" no que a artista enfoca a súa denuncia cara aos estereotipos que marcan ás mulleres de todas as idades nunha sociedade de dominación contra elas, "porque sempre hai un estereotipo da muller violentada e a violencia exércese contra a muller polo feito de selo, sexa maior, como moza ou nena". Andrea Michaelsson quixo tamén poñer en valor o traballo das mulleres artistas que, coma ela, están a apostar pola pintura de murais en gran formato en espazos públicos. "Isto é un reto –explicou– porque este traballo era masculinizado, e con certa constancia e ganas sobre todo pois fomos comezando unhas poucas, e despois de que se visibilizase están a entrar neste arte moitísimas máis mulleres con boas propostas". Respecto do tema do mural, engade que "a propia sociedade está permanente reforzando e moldeando estereotipos e, sobre todo, prexuízos. A cuestión está non só en detectalos, que xa os coñecemos, a clave é recoñecer como nos colocamos eses estereotipos sen darnos conta".

Nas súas intervencións, tanto a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, como o alcalde, Juan Manuel Rey, agradeceron ao veciño de Caldas, Isaac Froján, que ofrecese este muro da súa propiedade para que a artista plasmase a súa obra. Alonso destacou que o novo mural invita á veciñanza de Caldas, "a desfrutar da arte e a reflexionar sobre a violencia de xénero" e convidou a utilizar a nova obra "como fío condutor para recapacitar e falar do cambio que temos que facer na sociedade para acabar coa violencia machista". Lembrou que desde que hai estatísticas hai máis de 1.000 mulleres asasinadas en España, pero que a violencia contra as mulleres maniféstase en moitas outras formas, "polo que todos e todas temos que aportar o noso grao de area para tentar que isto cambie e recapacitar sobre os roles establecidos".

"Somos o 52 % da poboación –engadiu– e temos os mesmos dereitos que os homes. Temos dereito a escoller, a ser libres, a algo tan sinxelo como a vivir e a que ninguén nos dea unha malleira". Lembrou que esta é a filosofía do programa "Mulleres en acción", que emprega a cultura como fío condutor "para mobilizar conciencias" ata acadar o seu fin último, que como di o seu nome, é a "Violencia zero": "o obxectivo é deixar de facer este programa porque se cumpriu esa violencia cero. E temos entre todos e todas que traballar para tentar conseguila".

Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, destacou que a "calidade" do mural de Btoy "vai facer que as reivindicacións perduren" e agradeceu á Deputación que incluíra Caldas nas accións deste programa que chega a 25 concellos da provincia, así como ao Departamento de Igualdade do Concello polo seu potente traballo "para que a Violencia zero sexa cada día un obxectivo máis fácil de conseguir, aínda que probablemente vai máis lento do que quixéramos". "Un dos obxectivos deste Goberno –agregou– é facer políticas singulares. Escollemos a vía de estar na singularidade e a defensa das causas xustas. E isto sen dúbida é unha causa xusta a día de hoxe indiscutible de moita xustiza".

O mural de Btoy foi a décimo cuarta acción da VI edición de "Mulleres en acción. Violencia zero". No que resta do ano haberá outras 11 propostas en outros tantos concellos da provincia ata os que a Deputación levará arte, música, accións de danza ou escénicas protagonizados por mulleres para reivindicar o fin das violencias machistas.