Noticias

A 'Arqueoloxía en Pandemia' centra as actividades da Deputación no Día Mundial da Arquitectura

As xornadas, en colaboración con AEGA celébranse no Pazo de Liñares, na capital de Deza, "a comarca con máis xacementos da nosa provincia"


28 xullo 2021
Día da Arqueoloxía

O Pazo de Liñares, en Lalín, foi o escenario escollido pola Deputación para celebrar as súas actividades co gallo do Día Mundial da Arqueoloxía, que se conmemora este 28 de xullo. Hoxe tivo lugar a primeira das dúas xornadas que, baixo o lema ‘Arqueoloxía en Pandemia', acolle o Pazo en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) para dar a coñecer iniciativas arqueolóxicas que teñen lugar no noso territorio e tamén para reflexionarmos sobre o presente e futuro da actividade arqueolóxica en Galicia. A través desta iniciativa a Deputación amosa o seu compromiso cun sector que sufriu, dun xeito case invisible, os efectos da pandemia. Cómpre ter en conta a súa vinculación coa cultura, a investigación e co turismo responsable, aspectos clave da estratexia da institución. De feito, un dos puntos do Plan Estratéxico de Turismo é o fortalecemento da gobernanza mediante a colaboración público-privada, así como a oferta de produtos de turismo cultural e científico nos que a arqueoloxía xoga un papel moi importante. Inauguraron a xornada a deputada de Cultura, Victoria Alonso, a tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez Asorey, e o presidente de AEGA, Ángel Concheiro.

A escolla do Pazo de Liñares para o desenvolvemento das xornadas ten que ver con que "en Deza está localizado o maior número de xacementos de toda a nosa provincia, e ademais nesta comarca existen numerosos colectivos de defensa do patrimonio castrexo froito da implicación e o interese veciñal", como lembrou Victoria Alonso. A maiores, no Pazo está situado o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico impulsado pola Deputación que para celebrar esta data pódese visitar, tanto hoxe como mañá, de 10:00 a 13:00 horas en formato de ‘portas abertas'. A tenente de alcalde lalinense agradeceu "o compromiso da Deputación para pór en valor Liñares como centro referente en arqueoloxía. Con estas xornadas, os cursos que se realizan neste espazo ou o convenio asinado entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC estase a avanzar chanzos nesta dirección". Pola súa banda, o presidente de AEGA, Ángel Concheiro, sinalou que "isto vai ser o principio dunha gran colaboración coa Deputación. As empresas e as institucións públicas temos que camiñar ao carón as outras das outras. Gustaríanos aproveitar esta fantástica infraestrutura para almacenaxe e tratamento de material, un gran déficit da profesión, sobre todo para pequenas empresas e persoas autónomas".

A xornada arrancou coa conferencia ‘Chove sobre mollado. Unha peme de arqueoloxía e xestión de patrimonio en pandemia' a cargo de Israel Picón, de Citana Arqueoloxía e tesoureiro de AEGA. Picón avogou por que "o CXCA poida contribuír a cubrir déficits de medios do sector, converténdose nun espazo de colaboración público-privada", e asegurou que o sector "tivo unha baixada do 63% en facturación por mor da pandemia, ademais de sufrir retrasos nos pagamentos de ata 5 meses". O tesoureiro de AEGA tamén puxo enriba da mesa a preocupación do sector "por como se pode ver afectado o importante patrimonio arqueolóxico, mámoas, petróglifos e xacementos, cos proxectos de parques eólicos que se están formulando". A xornada continuou da man de Yolanda Álvarez e Luis Francisco López, de Terra Arqueos, coa conferencia ‘Dous exemplos de actuacións arqueolóxicas de posta en valor en castros das Rías Baixas: Castrode Montealegre (Moaña) e Castro da Cidá (Ribeira)' e continuou con Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía e Restauración, sobre ‘Arqueoloxía en Lalín en tempos de pandemia'.

Nunha segunda quenda, a xornada continuou con outras 3 conferencias: ‘Castelo da Piconha (Calvos de Randín, Ourense): a recuperación dun singular espazo interfronteirizo a través da arqueoloxía', de Juan Manuel Galiña e Eduardo Breogán Nieto de Breogán Arqueoloxía, ‘Actividades de mantemento arqueolóxico no concello da Laracha (A Coruña): Castro de Montes Claros e pedrafita de Marco da Anta', a cargo de Purificación Soto, e ‘Encontros ao aire libre: visita guiada ao Castro de Doade, Lalín', impartida pola directora da escavación, Vanesa Trevín, de Cadro Arqueoloxía. Pola tarde, as persoas participantes visitarán o castro de Doade da man da directora da escavación e vicepresidenta de AEGA Vanesa Trevín.

Xa mañá xoves, persoal de Tempos Arqueólogos amosarán como é a ‘Arqueoloxía en pandemia. Traballos arqueolóxicos no sector Sur do Castro e Mosteiro de Cálago, Vilanova de Arousa'. María del Carmen Cabezudo, de Lesering, falará sobre o ‘Control arqueolóxico de segunda fase de restauración da igrexa de Santa baia de Palio, Cercio, Lalín'. Cristina Seoane pechará este ciclo de charlas cunha ponencia sobre ‘Investigación en tempo de pandemia: o esqueuomorfismo como xeito de achegarse aos materiais arqueolóxicos' e a xornada rematará cun obradoiro con materiais no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico.