Noticias

A Alianza Local Pontevedra Provincia creada pola Deputación exemplo de boas prácticas na asemblea da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030

A deputada Iria Lamas participa no foro que se está a celebrar en Burgos no que destacou aos 50 municipios aliñados cos ODS da man da iniciativa provincial ou os orzamentos dos últimos 3 anos da institución elaborados co cumprimento da Axenda 2030


04 novembro 2021
Asemblea da Rede de Entidades Locais

A Alianza Local Pontevedra Provincia, creada en outubro de 2020 pola Deputación de Pontevedra para impulsar o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, foi hoxe obxecto de estudo e exemplo de boas prácticas na segunda xornada da II Asemblea da Rede de Entidades Locais da Axenda2030 (REDODS), que se está a celebrar en Burgos. A deputada de Transición Ecolóxica e Proxectos Europeos, Iria Lamas tomou parte neste foro para destacar o liderado político e apoio técnico da Deputación para estender a Axenda aos pequenos e medianos concellos da provincia.

Na súa intervención, Lamas explicou que 50 concellos da provincia xa están adheridos á Alianza Local Pontevedra Provincia, o que significou que puideron beneficiarse de programas sociais, culturais, deportivos ou turísticos impulsadas pola Deputación. Amais da Alianza, a Deputación leva tres anos aliñando os seus orzamentos coa Axenda 2030, amais doutras iniciativas como os modelos de ordenanzas fiscais aliñadas co cumprimento dos ODS, mellorando así os parámetros de xustiza social e equidade dende a fiscalidade local. Por outra banda, a institución provincial captou fondos europeos destinados ao aforro enerxético e reducir a pegada das emisións de carbono, e puxo en marcha plans de recuperación do espazo público como DepoRemse e Ágora. A sensibilización constante a prol da Igualdade e a loita contra a violencia de xénero cun programa pioneiro como Violencia Zero e a apelación á mocidade a través do concurso Reacción polo Clima foron outras das accións das que se falaron esta tarde en Burgos. "Detrás de todo isto están Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aos que nos fomos achegando na provincia".

A deputada reivindicou a Axenda 2030 neste escenario postpandemia e o papel que as deputacións están chamadas a xogar, toda vez que o municipio é o primeiro escenario das políticas sociais, medioambientais, dixitais, igualitarias e inclusivas. "Os concellos estiveron a pé de rúa loitando contra as sucesivas ondadas da Covid19, executando a desescalada, afrontando os rebrotes e agora emprendendo o camiño cara a recuperación e a transformación", afirmou, "e iso foi posible, en gran parte, porque deputacións de toda España activaron programas de continxencia e transferiron recursos para esa resposta municipalista". As deputacións, insistiu Iria Lamas, "son a mellor vía parar canalizar cara os concellos de menos de 20.000 habitantes os proxectos transformadores que se contemplan no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e, por tanto, para aproveitar os fondos Next Generation e axudar a fixar poboación e loitar contra o reto demográfico". "A Axenda 2030 é unha oportunidade para os pequenos municipios e para as grandes cidades", continuou, "fronte ás respostas rápidas trae respostas intelixentes e fronte aos compartimentos estancos, gobernanza multinivel".

A Rede de Entidades Locais para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 (REDODS) foi creada pola FEMP en outubro de 2020 e aglutina a 167 entidades locais que representan a 16 millóns de persoas. A Deputación de Pontevedra, en virtude dun acordo plenario, forma parte do seu Consello de Goberno.

Fotos