Noticias

#8M Profesionais de empresas abordan na sede viguesa da Deputación os retos e a lexislación para acadar a igualdade laboral

A xornada organizada por Aedipe afondou en cuestións clave coma os plans de igualdade, as auditorías salariais de xénero ou os protocolos de prevención do acoso


07 marzo 2020
Aedipe

Os novos retos para acadar a igualdade nas empresas e a lexislación posta en marcha con ese obxectivo foron o centro da xornada que tivo lugar na sala Susana Rodríguez Gacio da sede viguesa da Deputación de Pontevedra. A asociación Aedipe Galicia, integrada na Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas, organizou no marco dos actos do Día da Muller o encontro "Claves para a implantación de medidas laborais aplicando a perspectiva de xénero", no que participou unha vintena de profesionais de entidades empresariais e que contou coa intervención da deputada provincial Ana Laura Iglesias.

"Non se acadou a igualdade efectiva no ámbito empresarial, e temos que rachar con ese teito de cristal. As mulleres somos o 52 % da poboación e temos os mellores expedientes académicos, e esa situación non se traslada á realidade laboral", explicou Iglesias, quen subliñou que "a Deputación de Pontevedra, dirixida por primeira vez na historia por unha muller, a presidenta Carmela Silva, ten na igualdade un dos seus elementos identificadores".

María Ángeles García, presidenta da Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais (Agaxen), impartiu na xornada o relatorio "Transversalidade no principio de igualdade nas empresas". Nel abordou a integración da perspectiva de xénero na xestión empresarial, falando de cuestións tan importantes coma a elaboración dos obrigatorios plans de igualdade, a equidade laboral, as auditorías salariais ou os protocolos de prevención do acoso.

Pola súa banda, a avogada Ainoa González Díaz, socia do Bufete Barrilero y Asociados, abordou detalladamente na súa charla os puntos críticos dos plans de igualdade, unha ferramenta imprescindible para promover a igualdade de xénero efectiva nas empresas.

Esta xornada inaugurou as actividades na sala Susana Rodríguez Gacio da sede da Deputación en Vigo.