Noticias

#8M O Pazo da Deputación énchese de dignidade e reivindicación no XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia, centrado na igualdade e a educación

A presidenta Carmela Silva sumouse ás reivindicacións das mulleres xordas e instou as administracións a loitar contra "a tripla discriminación que sofren"


07 marzo 2020
XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia

O salón de plenos do Pazo provincial da Deputación encheuse esta mañá "de dignidade e reivindicacións" co XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia, co lema "Na educación comeza o cambio. Igualdade para todas", no que participou a presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á concelleira de igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, a presidenta da Asociación de Persoas Xordas, Iria Filgueira, e a vicepresidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas, Jovita Fernández. A presidenta da Deputación, que recordou que hai intérpretes de lingua de signos en todos os actos que promove a institución provincial, sumouse ao manifesto deste ano da Federación polo 8M e ás reivindicacións realizadas polas mulleres que encheron o salón de plenos.

"As mulleres xordas sofren unha tripla discriminación en todos os eidos que non podemos permitir" asegurou Carmela Silva, quen engadiu que esta se debe "ao mero feito de ser mulleres, pero tamén persoas con diversidade funcional e cunha lingua propia: a de signos, que debe ter todo o apoio e todos os recoñecementos". Neste eido, a presidenta provincial amosou o firme compromiso da Deputación coa igualdade e coa inclusión, "porque todas e todos somos moi diferentes e moi diversas e diversos, e isto é o que verdadeiramente enriquece a nosa sociedade". Ao respecto, Silva recordou que a institución provincial está a colaborar coa Confederación Estatal de Mulleres con Diversidade (CEMUDIS) para analizar a situación laboral e social das mulleres con diversidade funcional en Galicia e en España.

Trala intervención da presidenta provincial, Isabel Fernández, integrante do consello de participación de mulleres da Confederación Estatal de Persoas Xordas, procedeu á lectura do manifesto "Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres e un futuro igualitario". Fernández recordou que "as mulleres e as nenas seguen sendo infravaloradas" e que "os logros feministas que tanto esforzo custou conseguir vense continuamente ameazados polo machismo, o patriarcado, a sobreprotección e a ignorancia; obstáculos que se agravan para nós polo feito de ser mulleres xordas".

No XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia concentráronse máis dun centenar de mulleres xordas que proviñan de todos os recunchos de Galicia para compartir un espazo común de debate e empoderamento que abarcou distintos ámbitos, principalmente o educativo e laboral. Así, este ano o encontro centrouse na educación e a igualdade baixo o lema "Na educación comeza o cambio. Igualdade para todas".

Durante o encontro proxectouse a curtametraxe da Agrupación de Mujeres Sordas de Granada, La última gota, centrada nas dificultades que atravesan as mulleres xordas ante unha situación de violencia de xénero, e o filme Sordomuda de pueblo, no que se conta a historia dunha muller xordomuda que regresa á súa aldea tras perder o traballo. Ademais, tamén tivo lugar unha charla de Laura López Espejo, mestra xorda de Educación Infantil, titulada "Educación e igualdade de xénero desde a infancia", e un obradoiro chamado Recursos Accesibles para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e impartido por Sibilia Esteve, traballadora social.

Fotos