Noticias

80 persoas de Moaña e Nigrán asistirán aos tres primeiros obradoiros celebrados ao abeiro do programa "Tecendo Lazos"

A Deputación de Pontevedra tivo que dobrar o número de cursos impartidos en Nigrán ante a alta solicitude de participantes


18 diciembre 2016
Tecendo Lazos

80 persoas dos concellos de Moaña e Nigrán serán as primeiras en beneficiarse a semana que vén do programa "Tecendo Lazos", que vén de ser adxudicado recentemente pola Deputación de Pontevedra e que supón un investimento de 60.000 € por parte da institución provincial.

En concreto, o luns, día 19, comezará un dos dous obradoiros de "Sabores do mundo" que se desenvolverán en Nigrán, nos que participarán 57 persoas en total. O primeiro deles será impartido no Centro de Educación Especial de Panxón en cinco sesións, ata o vindeiro día 28. A Deputación de Pontevedra, ante a alta demanda de solicitudes que tivo esta actividade, viuse obrigada a dobrar o número de cursos impartidos xa que os obradoiros celebrados ao abeiro de "Tecendo lazos", tal como se recolle nas bases do proxecto, han de ter un mínimo de 10 participantes e un máximo de 30.

Ademais, o día 21 de decembro comezará outro obradoiro, "Risos en familia", ao que asistirán outras 23 persoas en Moaña e que terá lugar durante outras cinco sesións, con data de fin do 13 de xaneiro de 2017, no Multiusos de Meira da localidade.

Lembramos que "Tecendo lazos" ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo, mellorando a actividade física, cognitiva e social das persoas maiores e, entre as máis novas, as súas habilidades sociais e empatía de cara ao resto das xeracións.  O programa tamén ofrece un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencien movementos de participación e cooperación social a través de talleres englobados nas áreas "Risos en familia", "Coas mans nos pucheiros", "Álbum familiar", "Brincadeiras de sempre" e "O noso son".

 "Tecendo lazos" está dirixido ás persoas residentes dos concellos de menos de 20.000 habitantes (adheríronse un total de 44 concellos) e prolongarase ata o 15 de xaneiro.