Noticias

O Goberno da Deputación aproba preto de 400.000 euros para Lalín, Vila de Cruces e Tomiño

A institución destinará tamén 180.000 euros a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades culturais na provincia durante o 2020


10 outubro 2020

O Plan Concellos da Deputación, o maior instrumento para o investimento nos concellos da provincia, volve inxectar fondos no territorio. A Xunta de Goberno aprobou a transferencia doutros 389.961,78 euros que, nesta ocasión, están destinados a facer realidade proxectos impulsados dende Lalín, Tomiño e Vila de Cruces. "Como sempre  -afirmou a presidenta Carmela Silva- a Deputación é a administración que está a investir nos concellos. Sen os recursos da Deputación os concellos terían serias dificultades para garantir dereitos e servizos".

O concello de Lalín recibe 150.000 euros para a financiación da "Adquisición de elementos e melloras de instalacións deportivas municipais". En concreto, a través desta achega vaise repoñer o pavimento das pistas do pavillón municipal da vila e adquirir novo equipamento deportivo para situar no edificio multiusos Lalín Arena, xa que o que existe na actualidade sofre desgaste e deterioro. Así, dotarase ao espazo de 30 novas bicicletas de ciclo indoor, 8 cintas, 1 elíptica, 2 bicicletas verticais,  unha dual pulley functional trainer, dúas elevate row e dúas máquinas de remo.

Outros 103.635,90 euros irán destinados ao concello de Vila de Cruces para as "Melloras no pavillón de deportes municipal". Con esta achega vanse substituír os paneis da fachada e a cuberta actuais por unha nova cobertura para eliminar as filtracións de auga existentes e mellorar a súa eficiencia enerxética. Amais, tamén se instalará un sistema de recollida de pluviais e un rótulo indicativo no exterior do recinto.

Pola súa banda, no concello de Tomiño a Deputación vai sufragar a "Urbanización do viario de San Salvador de Tebra" por valor de 136.325 euros. En concreto, mellorarase o viario que comunica a PO-344 co centro da parroquia de San Salvador de Tebra, que se atopa en mal estado de conservación. Así, ampliaranse as zonas de uso peonil e reduciranse as de uso rodado de vehículos, cunha calzada de 5,30 metros de ancho totalmente accesible.

Concesión de subvencións por valor de 180.000 euros para actividades culturais no 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou a concesión de subvencións por valor de 180.000 euros dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais no 2020 na provincia. En total, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, vanse beneficiar desta liña de axudas 127 entidades pertencentes a 38 concellos da provincia para desenvolver iniciativas como festivais musicais e concertos, rodaxes de curtametraxes, desfiles, xornadas, exposicións ou proxectos artísticos e culturais.