Noticias

300 persoas percorrerán o Concello do Grove na última "Depo Andaina" do ano

"Depo Andainas" trátase dun novo programa da Deputación de Pontevedra para poñer en valor o territorio da provincia de Pontevedra


09 out 2016

A vindeiro domingo terá lugar a última "Depo Andaina" do ano na que unhas 300 persoas percorrerán os preto de 12 quilómetros que separan o Náutico de San Vicente de Porto Meloxo. Trátase dun percorrido de dureza media que arrancará ás 9.30 horas e transcorrerá pola ruta das cons, a zona da batería militar e Adro Vello ata chegar a Porto Meloxo, aproximadamente, ás 14.00 horas.

A alta participación e demanda das "Depo Andainas" está convertendo a esta edición na primeira que completa as prazas ofertadas. No caso concreto da ruta do vindeiro domingo, a Deputación de Pontevedra esgotou as 300 prazas e tivo que dobrar a flota de autobuses, tal e como fixo tamén coas andainas polas Illas Cíes e Nigrán e polo concello de Silleda.

O éxito da convocatoria amosa o crecente interese suscitado polo programa "Depo Andainas" e os resultados da serie de melloras realizadas no anterior "Sendeiros Rías Baixas". O renovado "Depo Andainas" modificou a formulación do citado programa co obxectivo de convertelo nunha actividade gratuíta que impulse hábitos saudables, promova o territorio e impulse a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades encóntranse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas no programa e impulsar a participación dos concellos. Tamén son novidades do programa "Depo Andainas" as charlas e actividades medioambientais que se realizan durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empreguen o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. Amais, por vez primeira o programa conta coa participación activa dos concellos, que se encargaron de promover as rutas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores.

A primeira das andainas do programa desenvolveuse en xullo percorrendo os petróglifos de Campo Lameiro, a comezos de setembro tivo lugar a segunda polas Illas Cíes e Nigrán, a finais de setembro polo concello de Silleda e o programa concluirá o vindeiro domingo pola ruta dos cons de San Vicente do Mar no Grove.

Fotos