Noticias

300 persoas participaron na "Depo Andaina" polo concello de Silleda

O grupo, integrado por persoas con idades comprendidas entre os 7 e 83 anos, realizou a andaina que separa a Fervenza do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro en dúas horas


26 set 2016
depoandaina
depo andaina

A terceira das "Depo Andainas" da institución provincial levou ata Silleda a preto de 300 persoas que percorreron os oito quilómetros que separan a Fervenza de Pazos do Mosteiro de Carboeiro en pouco máis de dúas horas. A alta demanda da andaina, que está convertendo a esta edición do programa na primeira que completa as prazas ofertadas, levou á Deputación de Pontevedra a dobrar a flota de autobuses.

O grupo participante na andaina polo Concello de Silleda, integrado por nenas e nenos de 7 anos ata persoas de 83 anos, percorreu o tramo entre a Fervenza do Toxa e o Mosteiro de Carboeiro en algo máis de dúas horas. Comezaron o percorrido dende o miradoiro para divisar a fervenza do río Toxa sobre as 10 da mañá e chegaron ó Mosteiro de Carboeiro ás 12:10. Dado que o grupo estaba interesado en coñecer o contorno do mosteiro, organizáronse dúas alternativas que levaron ós participantes a percorrer a ruta botánica así como a ruta do demo. Ó rematar, as persoas integradas no programa "Depo Andainas" realizaron unha visita guiada a Carboeiro coñecendo a historia da cripta e as tres torres do mosteiro.

O éxito da convocatoria amosa o crecente interese suscitado polo programa "Depo Andainas" e os resultados da serie de melloras realizadas no anterior "Sendeiros Rías Baixas". O renovado "Depo Andainas" modificou a formulación do citado programa co obxectivo de convertelo nunha actividade gratuíta que impulse hábitos saudables, promova o territorio e impulse a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades encóntranse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas no programa e impulsar a participación dos concellos. Tamén son novidades do programa "Depo Andainas" as charlas e actividades medioambientais que se realizan durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empreguen o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. Amais, por vez primeira o programa conta coa participación activa dos concellos, que se encargaron de promover as rutas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores.

A primeira das andainas do programa desenvolveuse en xullo percorrendo os petróglifos de Campo Lameiro e a comezos deste mes tivo lugar a segunda polas Illas Cíes e Nigrán. Silleda foi a terceira andaina e o programa concluirá o 9 de outubro pola ruta dos cons de San Vicente do Mar no Grove.