Noticias

300 persoas participarán este domingo na esperada Depoandaina que percorrerá Moaña e as Illas Cíes

O deputado provincial, Carlos Font asistirá a esta segunda Depoandaina do ano, que esgotou todas as prazas en cuestión de minutos


08 xuño 2018
Depo Andainas

Este domingo 10 de xuño terá lugar a máis esperada das "Depoandainas" da terceira edición do programa que organiza a Deputación de Pontevedra, na que se poderá visitar Moaña e as Illas Cíes, actividade que contará coa asistencia do deputado Carlos Font. De feito as 300 prazas ofertadas esgotáronse en cuestión de minutos.

Esta segunda cita das "Depoandainas 2018", cunha dificultade baixa e un percorrido de 8 quilómetros, ten como punto de saída o parque da Xunqueira de Moaña, a carón das pistas de atletismo. O inicio terá lugar ás 10.00 horas e desde aí as 300 persoas participantes dirixiranse cara ao río da Fraga no seu tramo final e comezarán a remontalo pola súa marxe. Neste tramo inicial atópanse os primeiros muíños. A ruta continuará río arriba, meténdose de cheo no lugar da Fraga, cun frondoso bosque autóctono e varios muíños, onde farase unha pausa e ofrecerase un avituallamento líquido antes de iniciar o camiño de volta.

De regreso ao punto de saída, as persoas participantes irán cara ao porto de Cangas para o embarque e traslado ás Illas Cíes. Unha vez no barco repartirase comida a todas as persoas participantes para, nada máis baixar nas illas, dar inicio á segunda parte da andaina: a Ruta do Faro, onde apreciarase toda a súa extensión, así como os acantilados de máis de 100 metros, as furnas e as praias de Cíes.

Esta ruta, como actividade complementaria, terá unha pequena charla sobre as aves que habitan nas Illas Cíes e a importancia deste espazo para a súa conservación e a súa reprodución. Este hábitat foi declarado como Zona de Especial Protección para as Aves, e as súas zonas húmidas están protexidas dentro da Rede Natura 2000.

As Depoandainas organizadas pola Deputación de Pontevedra teñen por finalidade o impulso do turismo deportivo e a posta en valor da riqueza cultural, ambiental e etnográfica da provincia. Durante o 2018 pasará, ademais das rutas xa feitas das Neves e Moaña-Cíes, por Sobroso, Lalín-Silleda e Gondomar.