Noticias

A Deputación destina 250.000 euros a axudas a entidades e concellos para realizar actividades de dinamización da lingua galega

A deputada María Ortega sinala a importancia de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e convertelo na lingua vehicular


12 outubro 2020

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as bases de subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro e aos concellos para realizar actividades de dinamización da lingua galega durante o ano 2020. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, entre as entidades repartiranse 120.000 euros, mentres que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia disporán dun importe de 100.000 euros.

Estas dúas liñas de axudas, que este ano se aproban por separado, teñen como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social, así como para as actividades de entidades culturais sen fins de lucro dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega.

A deputada nacionalista destaca que o departamento de Lingua provincial concederá as axudas económicas en réxime de concorrencia competitiva, sempre que as actividades fomenten o uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano. Salienta que, entre outras cousas, "é fundamental transformar a visión actual e converter o galego na lingua vehicular, unha ferramenta de traballo implementada con normalidade que permita chegar á xente".

Entre outras actuacións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega), as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… ), o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

Están excluídos desta convocatoria gastos de funcionamento das entidades, viaxes de lecer, festas gastronómicas ou festas populares, gastos gastronómicos (agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento), ou as actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.

O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comezará a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria e o seu estracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).