Noticias

25 centros educativos da provincia participarán na edición 2019-2020 de DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP

Os centros, pertencentes a 15 concellos da provincia, traballarán na cultura emprendedora en Primaria, Secundaria e Formación Profesional


14 outubro 2019
DepoEmprende

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia a lista definitiva dos centros docentes admitidos nos programas DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP para este curso 2019/2020. En total serán 25 centros educativos de 15 concellos da provincia os que estenderán a cultura emprendedora en Primaria, Secundaria e Formación Profesional.

Deste xeito, participarán en DepoEmprende na Escola dez centros educativos de oito concellos da provincia. En concreto serán o CEE Pontevedra CGA, o CEIP A Xunqueira I e o Colexio Público San Andrés de Xeve de Pontevedra; o CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados; o CEIP Número 1 de Tui; o CEIP Barrantes CGA de Tomiño; o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño; o Centro de Educación Especial Vilagarcía de Arousa; o Colexio Público Covaterreña de Baiona e o Colexio Público Serra de Vincios de Gondomar.

En canto ao programa DepoEmprende na ESO este curso participarán 8 centros educativos de oito concellos. Así, serán o IES Illa de Ons de Bueu, o IES A Paralaia de Moaña, o IES Luis Seoane de Pontevedra, o IES de Rodeira en Cangas, o IES Illa de San Simón en Redondela, o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, o Instituto de Bacharelato Manuel García Ramos da Estrada e o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar.

Xa no que respecta ao programa DepoEmprende na FP, ao longo do 2019/2020 participarán dez centros educativos de sete concellos. En concreto, serán o CIFP Manuel Antonio, CPR Daniel Castelao e CPR San Miguel de Vigo; o IES Montecelo e o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra; o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui; a Asociación Escola Familiar Agraria A Cancela das Neves; o IES Johan Carballeira de Bueu; o IES Rodeira de Cangas e o IES Terra de Turonio de Gondomar.

Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

DepoEmprende na Escola é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º ou 6.º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, DepoEmprende na ESO diríxese a mozas e mozos de 14 a 16 anos (3.º e 4.º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa Emprendedora e Empresarial, Economía, Ciencias aplicadas á actividade profesional ou similares. Por outra banda, DepoEmprende na FP está dirixido fundamentalmente a centros que imparten Formación Profesional de Grao Medio ou Superior.

O curso pasado 2018/2019 participaron no programa DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP un total de 20 centros educativos pertencentes a 14 concellos da provincia.