Noticias

171 persoas da provincia gozarán esta semana do programa "Depotermal" 2018

Esta iniciativa de saúde da Deputación de Pontevedra beneficia este ano a máis de 4.000 veciñas e veciños da provincia


08 setembro 2018
Programa Depotermal de Deputación de Pontevedra

Desde este domingo 9 de setembro un total de 171 persoas da provincia participarán durante esta semana no programa "Depotermal 2018". Concretamente 121 farano na modalidade con pernoita e 50 na modalidade diúrna, acudindo diariamente ao establecemento termal durante cinco días consecutivos.

En canto á modalidade con pernoita, coa que as persoas participantes están aloxadas desde o domingo ao venres, por unha banda 67 persoas de Vigo e Pontevedra acudirán ao Hotel Talaso Louxo La Toja e, por outra, 54 persoas de Vigo, Pontevedra e Marín aloxaranse no Hotel Galatea. Por último, desde o luns 10 de setembro, 50 veciñas e veciños de Cerdedo-Cotobade acudirán ao Hotel Termas de Cuntis na modalidade diúrna.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, "Depotermal" 2018 conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.

Esta iniciativa da Deputación está dirixida a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1968, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, ou precisan dun respiro familiar.