Noticias

119 equipos da provincia participarán na nova edición da Copa Deputación Masculina de Fútbol

Este xoves terá lugar o sorteo da primeira ronda para os 65 equipos da zona de Pontevedra e o venres para os 54 da zona de Vigo


20 febreiro 2019
Copa Deputación Masculina de Fútbol

A Copa Deputación 2019 xa está en marcha e este xoves e venres darase un novo paso antes de que o balón comece a rodar. Serán estes dous días nos que a institución provincial, organizadora do torneo, sorteará os cruces da primeira eliminatoria en categoría masculina. Nos bombos entrarán 65 equipos da zona de Pontevedra e 54 da zona de Vigo, o que supón un total de 119 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica, 6 equipos máis que na pasada edición.

O primeiro sorteo terá lugar este xoves no Edificio Administrativo da Deputación, en Pontevedra. A partir das 20.00h, coa presencia da deputada de Deportes, Chelo Besada, coñeceranse os primeiros emparellamentos para os 65 equipos da delegación da zona de Pontevedra.

En canto á zona de Vigo, o sorteo terá lugar o venres, tamén ás 20.00h, na sede viguesa da Deputación de Pontevedra. Alí, coa representación do deputado de Turismo, Santos Héctor, os 54 equipos desta delegación saberán cal é o seu primeiro rival.

Unha vez coñecidos os cruces os equipos terán liberdade para fixar a data desta primeira eliminatoria, que deberase xogar a finais deste mes. O formato de competición volverá a ser o mesmo que nas últimas edicións, xogándose todas as eliminatorias a un único partido que disputarase no campo do equipo de menor categoría e resolvéndose os empates cunha tenda de penaltis. A final xogarase a finais de maio no campo da Lomba, en Vilagarcía de Arousa.

En canto á competición feminina, cuxo prazo de inscrición abrirase en marzo, os primeiros partidos disputaranse a mediados dese mes, pola súa banda, en categoría base, na que participan máis de 1.000 equipos da provincia, os encontros comezarán no mes de abril, cando xa rematasen as competicións oficiais.

A organización da Copa Deputación 2019 ten un Orzamento total de 120.000 euros, incluíndo tanto as competicións sénior masculina e feminina como a de categorías base. Nesta edición defenderán título o Matamá, en categoría feminina, e o Choco en categoría masculina, campión catro veces consecutivas.