Noticias

A Deputación aproba 1,7 millóns de euros de investimento na cidade de Pontevedra

A Xunta de Goberno deu luz verde aos convenios para o acondicionamento da parcela sobre a vía férrea en Doce de Novembro e a rehabilitación da antiga Casa do Concello


10 decembro 2021
Xunta de Goberno 10-12-2021

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu este venres luz verde a dous convenios enmarcados no protocolo de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra, que suporán a mobilización de máis de 1,7 millóns de € da Deputación. Con estes fondos poranse en marcha o acondicionamento dunha parcela sobre a vía férrea na rúa Doce de Novembro e a rehabilitación interior da antiga Casa do Concello.

A Deputación investirá 500.000 € (o 100% do orzamento) para acondicionar unha parcela situada na rúa Doce de Novembro, sobre a vía férrea, para recuperar espazo público a través da creación dun novo parque urbano. O espazo contará con vexetación, xardíns, fontes e mobiliario urbano, e constituirá un espazo estimulante e dinámico. Grazas ao impulso da Deputación, este solar actualmente baleiro e que funciona como unha barreira física e artificial, totalmente inconexa co resto do espazo urbano, será transformado totalmente.

Pola outra banda, o Goberno aprobou o convenio para a rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da antiga Casa do Concello, unha actuación valorada en preto de 1,4 millóns de euros dos que a Deputación achega o 90% (1.225.000 euros) e o Concello asume o 10% restante. As obras do interior centraranse no primeiro andar do edificio, datado de 1879 e con protección integral no Catálogo do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do Conxunto Histórico Artístico de Pontevedra (PEPRICA), para destinalo a usos institucionais. Cos traballos tamén se solucionará o problema de accesibilidade, instalando un ascensor accesible e unha entrada adaptada desde a parte traseira, na entrada orixinal ao inmoble (pola rúa Alhóndiga). A actuación permitirá, á par que se rehabilita o edificio público, mellorar tanto o patrimonio cultural da provincia como a calidade dos servizos ofrecidos á cidadanía.