Noticias

1.200 participantes esta fin de semana en "En ruta coa Depo"

En total 19.000 persoas gozan, a través desta iniciativa, de alternativas de lecer dinámico e saudable para coñecer lugares emblemáticos da provincia


19 nov 2016

"En ruta coa Depo", programa da Deputación de Pontevedra xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, organiza para esta fin de semana novas saídas pola provincia, nas que van participar 1.126 persoas pertencentes a asociacións dos concellos de Barro, Moaña, Bueu, O Porriño, A Estrada, A Lama, Moraña, Redondela, Crecente, Meaño, Vigo, Campo Lameiro e Ponteareas.

En concreto, nas rutas desta fin de semana participarán a Asociación Peñaflor (Barro); o Club de Xubilados San Pedro de Domaio (Moaña); a Asociación de Viticultores San Martín de Bueu; a Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas de Carracido e a Asocación de Mulleres en Igualdade do Porriño; a Asociación de Mulleres Rurais de Castro e de San Xiao de Vea e Baloira (A Estrada); a Asociación Cultural San Antonio da Lama; a Asociación de Mulleres Rurais O Menhir de Moraña; a Asociación Cultural Panderetas Choqueiras de Redondela e a Asociación de Veciños de Chapela (Redondela); a Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras San Pedro de Crecente; a Asociación de Mulleres de Meaño; a Asociación de Persoas Xordas de Vigo, o Centro Cultural, artístico e recreativo de Valladares, a Unión de Xubilados e Pensionistas UGT-Vigo, a Asociación de Parkingon e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos ATEGAL (Vigo); a Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña de Campo Lameiro e o Centro Cultural Xinzo de Ponteareas.

Estas asociacións realizarán rutas polo concello de Cambados e Ribadumia; visitarán o conxunto histórico de Salvaterra, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do Miño; percorrerán Catoira, Vilagarcía de Arousa e Cuntis; achegaranse a Cangas e Bueu; realizarán rutas por Silleda para coñecer o Mosteiro de Carboeiro, a fervenza do Toxa, castros e un taller de zocos; visitarán os museos de Lalín e o complexo arqueolóxico aldea de Codeseda;  percorrerán Meis e Ribadumia;  pasearán en barco pola ría de Arousa con degustación gastronómica, descubrindo O Grove e os seus atractivos turísticos; achegaranse a Redondela para visitar San Simón e realizarán unha andaina por unha parte do Camiño Portugués do Norte e pasearán por Baiona, o seu conxunto histórico e o Monte Boi.

"En Ruta coa Depo" é un programa da Deputación de Pontevedra que propón alternativas de lecer dinámico e saudable pretendendo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra. Ofrecense case vinte rutas distintas por lugares emblemáticos da provincia con distintos tipos de propostas para todos os públicos: rutas dinámicas e activas para a xente máis moza, rutas interxeracionais para Anpas e familias, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas marítimas e rutas por enclaves singulares. Este programa, xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, vai permitir que, ata finais de ano, máis de 19.000 persoas coñezan mellor a provincia. Invístese un total de 238.500 euros nesta iniciativa.