Noticias

Eva Vilaverde destaca, no Día Universal da Infancia, o dereito das nenas e os nenos á educación e á convivencia en contornas adecuadas

Preto de 300 rapaces e rapazas dos Centros de Acollida de Príncipe Felipe realizaron un acto conmemorativo no que lembraron os seus dereitos universais


19 nov 2015
Celebración do Día Internacional da Infancia en Príncipe Felipe
Celebración do Día Internacional da Infancia en Príncipe Felipe

"O único que todos os rapaces e rapazas tedes en común son os vosos dereitos. Todos os nenos e todas as nenas tedes dereito a prosperar, a recibir unha educación, a non ser obxecto de violencia e abusos, a participar e a ser escoitados e escoitadas", con estas palabras do secretario xeral da ONU comezou Eva Vilaverde a súa intervención no acto conmemorativo do Día Universal da Infancia. Para celebrar esta efeméride os preto de 300 rapaces e rapazas dos Centros de Acollida e da Escola Infantil de Príncipe Felipe realizaron un acto no auditorio do centro, no que leron un decálogo para lembrar os seus dereitos universais (recoñecidos na Declaración Universal dos Dereitos da Infancia) e que contou coa presenza da deputada de Xuventude, Digna Rivas, e a deputada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde.

No decálogo puxéronse en valor os dereitos relativos á vida, á saúde, á educación e a xogar, así como o dereito á vida familiar, a estar protexidos e protexidas contra a violencia, á non discriminación, e a que se escoiten as súas opinións. Neste sentido Eva Vilaverde declarou que "da vosa educación de hoxe depende a sociedade do futuro, porque ides ser as persoas que dentro duns anos exerceredes a responsabilidade de tomar decisións".

A deputada provincial de Príncipe Felipe lembrou que "todos somos responsables e conscientes de que temos moito que mellorar no labor de velar pola vosa educación e pola vosa protección, porque mentres queden nenas e nenos polo mundo, lonxe pero tamén preto de nós, que non poden gozar dos seus dereitos sociais, que non reciben o cariño e a atención que deben recibir, temos que seguir traballando ata conseguir esta protección universal". Eva Vilaverde asegurou que, tanto desde a súa función política como desde a súa responsabilidade persoal como adulta, "seguirei traballando para mellorar a situación de todos os nenos e nenas e, nomeadamente, para que a todos os rapaces e rapazas de Príncipe Felipe se vos garantan e se vos recoñezan os vosos dereitos".

Pola súa banda, a deputada provincial de Xuventude, Digna Rivas, manifestou que "conmemoramos hoxe o Día Universal da Infancia, un día necesario para promover o benestar de nenas e nenos e impulsar a vosa unidade". A maiores, Rivas reivindicou que "o mundo no que nos tocou vivir non é nin moito menos apropiado para as nenas e os nenos. Aínda queda moito que facer para evitar que nenas e nenos continúen a vivir en condicións extremas, sen ter garantidas as súas necesidades básicas e sen gozar dos seus dereitos fundamentais. De feito, no noso país (segundo os datos de UNICEF) o 27 % dos menores están en risco de pobreza. Por iso todas as administracións públicas temos que comprometernos para achegar o noso gran de area que permita converter o mundo nun lugar mellor para vivir".

No acto conmemorativo do Día Universal da Infancia, que oficialmente se celebra o 20 de novembro, os rapaces e as rapazas tiveron un papel protagonista, ao ser os encargados de exercer de presentadores e presentadoras e de ler o decálogo de dereitos da Declaración Universal da ONU. Tras as intervencións institucionais, todos e todas as asistentes gozaron dun espectáculo de humor e "clown", a cargo do recoñecido "clown" galego Peter Punk.

Os Centros de Acollida de Príncipe Felipe contan con máis de 200 rapaces e rapazas, de entre cero e 18 anos, con problemas familiares ou en risco de exclusión social e que utilizan este servizo de acollida tanto como centro de día como en réxime interno. Segundo a idade e as súas características (faise unha avaliación individualizada sobre o proxecto educativo que precisan, o tipo de control ou as relacións sociais que son máis axeitadas) os rapaces e as rapazas divídense en tres centros. A escolarización regrada dos e das menores das casas de acollida realízase nos diferentes centros educativos da cidade (de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato ou FP). Desde o Príncipe Felipe organízase unha ruta de transporte para levar e recoller os menores dos seus respectivos colexios.

O Príncipe Felipe é o centro das súas características máis grande de toda Galicia. Traballa acollendo os nenos e as nenas que carecen dun ambiente familiar axeitado, en risco de exclusión ou con algún tipo de dificultade, co fin de proporcionarlles unha contorna que lles permita adquirir un desenvolvemento integral.