Noticias

Preto de 1.100 persoas participan nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 11 concellos percorrerán desde este xoves recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


27 xuño 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta semana 17 novas excursións nas que participarán preto de 1.100 persoas de once concellos da provincia. En concreto serán 1.056 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, Lalín, Caldas de Reis, Fornelos de Montes, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Nigrán, A Estrada, Salceda de Caselas e Silleda.

Máis polo miúdo, este mesmo xoves, 108 persoas da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer do Morrazo farán unha ruta por Barro: parque da natureza do río Barosa; Portas: miradoiro do val; Valga: xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro; e Catoira: Torres de Oeste. No que respecta ao sábado, 104 persoas da Asociación de Mulleres Rurais e Culturais Santa Mariña e da Asociación de Mulleres de Dorna visitarán pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador de Camanzo. Ese mesmo día, outras 108 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Madriñán coñecerán o conxunto histórico e o parque da Canuda, en Salvaterra de Miño; e, en Arbo, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e pesqueiras do Miño. Tamén, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais A Xuntanza de Fornelos de Montes farán o seu percorrido por Forcarei: mosteiro de Aciveiro; e Silleda: castro de Toiriz, mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e fervenza do río Toxa.

Pola súa banda, tamén o sábado, 54 persoas da Asociación Amigos de los Pazos van visitar Barro: parque da natureza do río Barosa; Portas: miradoiro do val; Valga: xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro; e Catoira: Torres de Oeste. Ademais, 108 persoas da Asociación Cultural Veira do Río de Pontesampaio farán a súa ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán a O Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. No que respecta á Asociación TDAH Salnés, 54 persoas visitarán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo. N0 caso da Asociación Veciñal Vía XIX de Caldas de Reis, outras 54 persoas van coñecer a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Por outra banda, o domingo, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel e de Alcer-Pontevedra visitarán Arousa, coñecerán a Illa da Toxa, farán un percorrido en barco pola ría de Arousa (con degustación); e, tamén, irán a O Grove, ao Museo da Salga, e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada. Tamén, 54 persoas da Asociación de Veciños La Comunidad de Pias farán a súa ruta por Cuntis: conxunto histórico (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro...), miradoiro do parque Maráns e castro de Castrolandín; e polo conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira). No que respecta á Asociación Cultural Recreativo Parada do Miñor, 54 persoas visitarán pendellos de Agolada; e Vila de Cruces: Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador de Camanzo.

Ademais, tamén o domingo, outras 54 persoas da ANPA Picariños do Ceip de Figueiroa van a coñecer o castro de Santa Trega, na Guarda; e, en Tui, van visitar o conxunto histórico, o monte Aloia e o Alto dos Cubos. Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Veciños Carballeira-Picoña farán unha ruta por Barro: parque da natureza do río Barosa; Portas: miradoiro do val; Valga: xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro; e Catoira: Torres de Oeste. No caso da Asociación de Mulleres de Cabral Rosalía de Castro, 54 persoas van coñecer a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio, e o Museo Meirande en Redondela. E, por último, 34 persoas da Asociación Benéfico Social de Padres y Amigos La Esperanza del Valle Miñor farán un percorrido polo conxunto histórico de Pontevedra, o Museo de Pontevedra e a illa do Covo.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.