Noticias

O BOPPO publica a licitación das obras de mellora do acceso ao Centro Príncipe Felipe

A obra promovida pola Deputación ten un orzamento de 549.981 euros e un prazo de execución de seis meses


09 novembro 2017
Reunión no Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra anunciou oficialmente a licitación da obra de "Mellora de acceso ao Centro Príncipe Felipe" no Concello de Pontevedra. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio da contratación, que ten un orzamento de 549.981 euros e marca un prazo de execución de seis meses.

O prazo de presentación de ofertas finalizará o 5 de decembro. As propostas serán analizadas tecnicamente valorando o programa e equipo de traballo (15 puntos), o plan de control de calidade (15 puntos), a memoria de traballo (10 puntos), e o plan de actuación ambientais (5 puntos). As empresas que acaden un mínimo de 20 puntos na parte anterior pasarán á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 55 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno.

O vicepresidente Mosquera lembrou que unha vez se asine o contrato coa adxudicataria as obras poderán comezar de xeito inminente e, se non hai complicacións, poderían estar finalizadas durante o verán.

A actuación de reforma no acceso a Príncipe Felipe consistirá na construción dunha glorieta de dobre carril (cun diámetro de 32 metros na parte máis exterior) que permitirá regular a circulación viaria. A glorieta contará con beirarrúas de 3,5 metros de ancho e dará prioridade aos tránsitos peonís, creando pasos de peóns sobreelevados que estarán perfectamente iluminados con varios puntos de luz en todo o percorrido, e marcando unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora. Na parte contraria á entrada de Príncipe Felipe crearase un pequeno miradoiro con dous bancos corridos que permitirán vistas cara ao val da zona.

O elemento central da glorieta será unha gran báculo de luz que permitirá unha iluminación cenital de toda a área. Este elemento estará rodeado dunha zona axardinada. A parte máis vistosa da reforma da zona será a do novo acceso aos edificios. O actual enreixado que rodea as instalacións será substituído por un muro vexetal que crearán unha pantalla verde en toda a fachada principal e permitirán eliminar a actual imaxe de enreixado. Outra das novidades é que se anulará a entrada que da acceso directo ao colexio de Educación Primaria e a zona de estacionamento que alí había, creando no seu lugar unha grande zona verde.

Esta actuación no acceso a Príncipe Felipe xurde grazas ao convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra, no que se establece que a institución provincial redactase o proxecto e licitaría as obras, cun orzamento de 549.981,31 euros, e o Concello autorizaría a intervención no viario municipal.