Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"ST", Minia Regos

7 de maio de 2018 ás 12
Casa do Concello, Valga

Minia Regos

Título: ST

Dotamos os obxectos cotiáns dunha carga simbólica moi significativa, servíndonos deles para a construción, entre outros, dos chamados estereotipos de xénero. Neste proceso simbólico de imposición e reprodución dáse unha sorte de deformación do significado no referente aos usos e á pertenza, imprimíndolles a estes obxectos unha carga de xénero que a sociedade, máis ou menos conscientemente, asimila como normal. Estes obxectos agora están listos para seren usados coma armas de control dentro das xerarquías de poder, autoridade e submisión.

A persecución do empoderamento da muller continúa vixente. Nesta obra os obxectos cotiáns desvelan a súa violencia subrepticia. Desvélanse coma trampa, coma arma e coma castigo. Fan referencia á imposición, á persecución e á cousificación da muller.

Minia Regos

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo especializouse e completou a súa formación posteriormente cos mestrados de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e de Formación para o Profesorado da mesma universidade.

Desde que acadou a licenciatura comezou a realizar diversos encargos editoriais como ilustradora de literatura infantil e xuvenil, ao tempo que continuou con proxectos artísticos individuais e colectivos. En canto á intervención urbana, formou parte do proxecto Turismo de Tapas que se desenvolveu no Barbanza en 2009, no de Muro Público en 2011 na Coruña e Vigo, e máis recentemente no Festival Internacional de Arte na Rúa Desordes Creativas 2014 en Ordes.

Paralelamente imparte obradoiros para a xuventude en centros de toda Galicia.

Galería de imaxes